Ribeira, 22 de xullo de 2010. José Luis Torres Colomer, alcalde ribeirense, e a concelleira de Acción Social, María Esther Patiño Rey, recibiron hoxe aos dous nenos saharauis que se atopan neste concello na época estival con motivo do programa Vacacións en Paz.
Os nenos, de nome Nayem Mohamed Embarec e Larousi Mohamed Lamhin, procedentes do campamento de Tindouf (Arxelia) están sendo acollidos polas familias de María Jesús Pérez Sampedro (de Carreira) e de Manuela García García (de Ribeira). Este é o terceiro verán que pasan entre os ribeirenses. Nesta ocasión estarán ata comezos de setembro.
O Concello leva máis dunha década colaborando co programa “Vacacións en Paz”, que está impulsado pola Delegación e as Subdelegacións do Goberno en Galicia, a Subdirección do Menor da Vicepresidencia da Xunta, a Consellería de Sanidade e as Deputacións Provinciais e Concellos.
Preséntase como un marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles aos nenos e nenas saharauis unha estancia agradable e humanamente satisfactoria, ofrecéndolles unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa non só na súa formación senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre as poboacións de España e o pobo saharaui.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario