Ribeira, 27 de xullo de 2010. O BNG presentou unha iniciativa pola que reclama que se realicen no período de vacacións as obras de reparación e mantemento dos centros educativos. Segundo os nacionalistas de Ribeira, "rematou o curso escolar e nos centros educativos que escolarizan alumnado de Infantil e Primaria neste concello, existen unha serie de carencias importantes no relativo a obras de reparación e mantemento e arranxos importantes que afectan á seguridade dos nenos/as.
A adecuación á normativa vixente dos espazos de xogo exteriores, a carencia de patios cubertos e/ou pavillón polideportivo nalgún dos centros, a substitución dos valados rotos, cancelas de entrada, reforma de baños, substitucións de portas, reparacións nos tellados etc, son só algúns exemplos de obras que se deberían acometer de forma urxente".
A execución destes traballos, proseguen os do Bng, debería realizarse no período de vacacións para non interromper (como xa sucedeu en anos anteriores) o normal desenvolvemento do curso unha vez comezado. Outro dos importantes problemas que suscitan a queixa e a demanda da comunidade educativa é o da limpeza: en tódolos centros existe unha soa persoa e naquel caso en que hai dúas persoas están contratadas só a media xornada.
Por outra banda, chegan informacións de que nos centros a Consellería de Educación vai realizar, de cara ao vindeiro curso escolar, recortes que van a afectar á dotación de orzamento e de profesorado nos centros. "Esta situación é a que nos leva a presentar unha iniciativa municipal reclamando que se dote do mantemento necesario para garantir un ensino público de calidade", rematan os nacionalistas ribeirenses.
Arranxa-lo peche do colexio de Carreira
O CEIP Carreira, explican dende o Bng, "conta con numerosas deficiencias nos seus arredores: así o veñen denunciando os usuarios do mesmo. Son moitas as queixas que chegaron a mans do BNG con respecto a este tema, así podemos falar do peche do recinto, carencia de papeleiras e dunha marquesiña, non existencia de beirarrúas, etc".
Con respecto ao acceso a este centro cabe sinalar a non existencia de beirarrúas que comuniquen o centro coa estrada que une Vilar-Cruce, por onde os nenos e nenas residentes no Vilar, en Frións, na Mamoa ou no propio Cruce poidan circular sen temor a ser atropelados. "Asemade sería de interese que se colocara algún tipo de sinalización viaria, horizontal ou vertical, que indique aos vehículos que se debe reducir a velocidade pola presenza de nenos e nenas nas proximidades. Xa fai tempo que o BNG e os usuarios/as deste colexio están a demandar a colocación dunha marquesiña á beira do recinto onde os nenos/as poidan resgardarse", argumentan.
De igual xeito, esta instalación educativa non conta, aseguran os nacionalistas, co suficiente número de contedores para a recollida selectiva do lixo. "Consideramos que é o momento de que o Grupo de Goberno do Concello de Ribeira se poña a traballar para dar solución a estas carencias, así atendería as unhas demandas da veciñanza que son prioritarias e urxentes e que ademais non deberían ter unha difícil solución nin suporían un grande esforzo de custo para as arcas do municipio", rematan.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario