22.7.10

Turismo: Arousa Norte promocionará esta bisbarra con roteiros literarios e material accesible para cegos

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o presidente de turno da Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Zona Norte, Isaac Maceiras Rivas, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a realización das actividades Roteiros literarios en Arousa Norte e Turismo accesible para persoas con discapacidade visual en Arousa Norte. Destinará 110.000 euros e a Mancomunidade 26.000 euros.

Barbanza, 22 de xullo de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela e o presidente da Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Zona Norte, Isaac Maceiras, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a realización de actividades de promoción turística de Arousa Norte. Este convenio posibilitará a organización dos programas Roteiros literarios en Arousa Norte e Turismo accesible para persoas con discapacidade visual en Arousa Norte, para os que a Consellería de Cultura e Turismo destinará 110.000 euros e a Mancomunidade 26.000 euros. Ao acto de formalización do acordo tamén asistiron o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro; o tenente alcalde de Ribeira, Vicente García; a xerente da Mancomunidade, Fátima Rodríguez; e o coordinador da xerencia da Mancomunidade, Pablo López.

As dúas entidades asinantes coinciden na necesidade de impulsar turísticamente os municipios de Arousa Norte (Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira) a través de iniciativas, programas, proxectos e accións conxuntas. Os catro concellos, coordinados pola Mancomunidade, e a Consellería poñerán en marcha unha serie de accións de promoción, difusión e dinamización dos valores patrimoniais e culturais de Arousa Norte, así como o deseño, adaptación e configuración de paquetes turísticos accesibles para persoas con discapacidade.

Para levar o programa Roteiros literarios en Arousa Norte deseñarase unha temática e uns contidos específicos para cada ruta, así como a promoción das mesmas. Do mesmo xeito, lanzarase a iniciativa Turismo accesible para persoas con discapacidade visual en Arousa Norte contará con actividades e servizos para paquetes adaptados, adecuaranse os contidos as necesidades específicas do colectivo e se captarán empresas para que se adhiran aos paquetes turísticos.

Doutra banda, sensibilizarase aos veciños da zona na importancia de preservar e poñer en valor un patrimonio que, ademais de ter unha clara proxección turística coa correspondente incidencia económica nesta comarca, é importante dende o punto de vista natural e cultural. Estas actuacións divulgarán a realidade e potencialidade grupo de vilas, como receptores dun turismo de calidade e que incidan no seu maior desenvolvemento e coñecemento no exterior.

A Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte, composta polos concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira, é, segundo a Xunta, unha zona única especial en Galicia cunha alta proxección turística baseada no patrimonio marítimo, paisaxe, gastronomía, cultura e profesións tradicionais vinculadas ó mar, cun valor engadido de complementariedade dos oficios tradicionais coa promoción turística. As actuacións insírense nun conxunto de medidas adoptadas dentro dun plano de promoción e mellora turística en áreas que permitan a optimización máxima dos recursos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical