Boiro, 30 de setembro de 2010. Este venres, día 1 de outubro, terá lugar a tradicional comida anual da Terceira Idade do Concello de Boiro, organizada polo departamento municipal de Servizos Sociais deste Concello. A xornada celebrarase no pavillón municipal de deportes de Barraña ás 14.00 horas e nela participarán máis de 700 maiores.
Ademais do Alcalde, Xosé Deira Triñanes, e da Concelleira de Servicios Sociais, Natalia Laíña Lojo, asistirán outros membros da corporación, así como representantes políticos e outras autoridades da comarca. Igual que na edición anterior, cómpre sinalar a colaboración que o Concello tivo por parte de diversas empresas da zona para levar a cabo esta festa tan importante para o colectivo da terceira idade, empresas ás que o Concello agradece dita colaboración.
A festa estará amenizada por un grupo de música e haberá autobuses para o traslado dos asistentes ao lugar do evento.
Centro de Día
O Día 1 de Outubro é o Día Internacional das Persoas Maiores. Por este motivo, o equipo terapéutico do Centro de Día de Boiro decidiu homenaxear a tódolos maiores realizando unha actividade no seo da comunidade.
De 11:30 a 12:30 haberá unha saída á praza de abastos do Concello de Boiro para montar unha mesa de reparto de folletos e facer unha mostra dalgunhas das actividades que os maiores do centro de día realizan por medio de fotografías. Serán os propios maiores os que se encargarán de dito reparto e de establecer contacto coas persoas que se acheguen a interesarse pola actividade.
Pola tarde, no centro de día, haberá bingo e merenda especial en homenaxe aos maiores do Centro de Día. Ao longo de todo o día, e como iniciativa do persoal da Escola Infantil A Galiña Azul de Boiro, os maiores do Centro de Día recibirán a visita dos cativos da escola que traerán agasallos para os maiores nesta data tan especial.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario