3.9.10

Boiro: dous mozos do Concello viaxan a Rumanía como voluntarios no programa "Xuventude en Acción"

Boiro, 3 de setembro de 2010. O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, acompañado pola Concelleira de Xuventude, Dores Torrado Ares, e a técnica municipal Margarita Sampedro, presentaron onte aos dous mozos de Boiro que estarán durante un ano en Rumanía traballando como voluntarios, no marco do programa “Voluntariado Europeo. Xuventude en Acción”, no que participa o Concello de Boiro.

Os voluntarios son Cristina Abeijón e Jorge Triñanes, e ambos levarán a cabo un programa de integración social no que traballarán con grupos de poboación como nenos hospitalizados, rapaces con síndrome de Down ou persoas maiores con esclerose múltiple. Ambos se mostraron entusiasmados con esta nova experiencia que iniciarán a finais deste mes. Cabe sinalar que, a maiores destes dous voluntarios, hai outros tres mozos da comarca barbanzana seleccionados para o proxecto, aínda que irán a Irlanda e Italia.

O Concello de Boiro sumouse aos programas europeos de voluntariado en novembro de 2008, e no 2009 iniciouse a primeira acción coa chegada da voluntaria Camila Brandao, de Padua (Italia), que estivo un ano, ata xuño do 2010, traballando no Centro Social boirense. A vindeira experiencia que se levará a cabo desde o Concello de Boiro, no marco deste programa, é a participación nun congreso europeo de boas prácticas en materia de xuventude, que se celebrará en outubro en Holanda, e na que participará un técnico responsable dos programas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical