3.9.10

Rianxo: o Bng aposta polo diálogo para que todos participen no deseño da fachada marítima rianxeira

Os nacionalistas din que están "Sen noticias do plan de accesos ao porto, do destino que se lle pretende dar a determinadas parcelas desocupadas e da ordenación final portuaria. O Concello debe participar deste debate no que se barallan tamén implicacións tamén urbanísticas e de modelo de vila que se quere".

Rianxo, 3 de setembro de 2010. Segundo o Bng, "Portos de Galicia redactou no ano 2006 o ‘Estudo de ordenación de atracadas no porto de Rianxo’, que propón a separación do usos deportivo e pesqueiro, coa creación dunha nova dársena para uso náutico deportivo e construción dunha nave para mariña seca nun terreo gañado ao mar a rentes da capela de San Bartolomeu. Posteriormente o Plan de Instalacións Náuticas previa o tamaño de varios campos de fútbol (10.000 metros) para este recheo. Unha proposta que desde o BNG cremos debe ser analizada no seo do Concello e dadas as súas implicacións estenderse ao resto dos colectivos sociais e veciñais para que se opine e debata pormenorizadamente".


Desde o BNG de Rianxo subliñan ademais a necesidade de abrir o debate "pois entendemos existen outras posibilidades e alternativas ao proxecto deseñado por Portos no seu inicial Plan de Instalacións Náuticas e Deportivas e que implican o recheo dunha considerábel extensión para un almacén de naves recreativas ou mariña seca. É tamén un troco brutal no deseño da fachada marítima e compre valorar esa ocupación de toda a superficie de auga comprendida entre a T no Portiño e o actual porto. O BNG de Rianxo fixo alegacións ao Plan para que se valorasen outras alternativas ao recheo. Emprazóusenos entón a agardar polo proxecto concreto definitivo que vemos afondar nesa mesma idea inicial. Estamos nunha zona portuaria onde se desenvolven diferentes actividades de descarga de mexillón, de reparacións de embarcacións, actividades deportivas dos clubes de remo e piragüismo e mesmo de marisqueo. Unhas actividades que serían suprimidas ao privatizar a zona cun valado e restrinxir o acceso veciñal. Ao BNG non lle afean as actividades pesqueiras perto da vila, ao contrario, danlle vida e lembran o seu pasado e agardamos o seu futuro pesqueiro. Por que agachalo?", argumentan.


"O calado actual deste espazo implica tamén unha obra importante de dragado para garantir o paso en calquera marea das embarcacións deportivas, como se sabe de moita máis orza que as embarcacións pesqueiras, algo que na actual ubicación xa estaría garantido", sinalan.

Necesidade evidente dun novo edifico para o Náutico

"O BNG entende e apoia a potenciación das actividades náuticas e deportivas, con instalacións insuficientes na súa ubicación actual, aumentando as prazas dispoñíbeis e os servizos, mais tamén cre que se poden barallar opcións de ampliación in situ das instalacións recreativas que non pasen por afastar necesariamente as actividades pesqueiras da vila. E, en todo caso, ben dimensionado e sen pasar por un novo recheo do tamaño de varios campos de fútbol que afaste aínda máis a vila do mar. No marco actual existe unha cantidade de terreo dispoñíbel público que permita abordar unha construción dun novo Náutico acorde ao que Rianxo merece", rematan os nacionalistas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical