3.9.10

Deportes: agardan máis de 200 corredores na decimoterceira edición da carreira popular de Santa Uxía, este domingo 12

O triatleta Antón Ruanova, subcampión de España tras Gómez Noya, recibiu unha placa durante a presentación da proba

Ribeira, 3 de setembro de 2010.- A 13ª edición da Carreira Popular de Santa Uxía volta ás rúas o vindeiro domingo día 12 de setembro, coincidindo coa festividade da patroa. A día de hoxe xa hai 114 inscritos na competición, se ben o prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 9 de setembro e a organización espera superar os 200 participantes. 

A cita dará comezo ás 11 horas na Avenida do Malecón e rematará no mesmo sitio despois de pasar por algunhas das principais arterias da cidade. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Miguel Ángel Vidal, no acto de presentación, no que estivo acompañado do tenente de alcalde Vicente García e do triatleta galego Antón Ruanova, quen vén de proclamarse Subcampión de España Elite de Triatlón o pasado domingo en Almería, sendo só superado polo laureado Javier Gómez Noya. Antón Ruanova, que milita no clube Atletismo Sar A Poutada, quixo acudir ao acto para amosar o seu apoio á organización e explicou que intentará por todos os medios estar presente no certame aínda que vai estar condicionado pola súa preparación anual. O triatleta recibiu unha placa en conmemoración do seu éxito en terras almerienses. 

A proba está organizada polo Concello de Ribeira, coa colaboración doutras firmas comerciais, a asociación As Miñoteiras e os organizadores das carreiras populares da Guía, Corgo e Artes: as outras tres citas, xa disputadas, que xunto á de Santa Uxía integran o Terceiro Circuíto de Carreiras Populares Concello de Ribeira. 

O certame terá  unha distancia de 10.000 metros distribuídos en dúas voltas de 5.000 metros cada unha. Partirá da avenida do Malecón para chegar ata o paseo das Carolinas, retornar ata o Parque García Bayón, pasar por General Franco, rúa de Galicia, Manzanares, alcanzar o cruce do Touro coa estrada que vai cara Castiñeiras e, por primeira vez, pisar o peirao comercial do porto antes de desembocar de novo no Malecón. Haberá 11 categorías tanto masculinas como femininas: pitufos, benxamín, alevín, infantil, cadete, junior, senior, preveteráns, veteráns A, veteráns B e máster. 

Ás 12.45 horas terá lugar a saída da proba dos pitufos, cunha distancia de 100 metros. Ás 12.30, á das modalidades benxamín e alevín (600 metros), ás 11 horas, infantil e cadete (2.000 metros) e ás 11.15 junior e master, xa con 10.000 metros. 

Circuíto Concello de Ribeira: Vieito e Muñiz mandan

Esta proba servirá  para dirimir o resultado do Segundo Circuíto de Carreiras Populares Concello de Ribeira, tanto no seu apartado masculino como feminino. 

Especial interese terá  o apartado masculino, no que dous corredores que ao igual que Antón Ruanova forman parte do club Atletismo Sar A Poutada, disputaranse o primeiro posto. Trátase de José Manuel Vieito, que manda na clasificación con 2.920 puntos e o riveirense Ramón Folgar, que suma 2.910. 

No apartado feminino, Shaila Muñiz é a actual líder con 2.860 puntos, seguida de Serafina Pereira.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical