Concentración de traballadores do Hospital para reclamar celadores
A deputada nacionalista Ana Pontón lamenta o voto en contra do PP e a “cobardía” do deputado popular da comarca, que non asistiu ao debate Barbanza, 3 de setembro de 2010.- O grupo parlamentario do BNG, a través da súa deputada Ana Pontón, defendeu hoxe na Cámara, a través dunha emenda, a incorporación do persoal celador á relación de postos de traballo do Hospital do Barbanza, sen que isto supoña a redución de prazas doutras categorías.
A deputada nacionalista, durante o debate dunha proposición non de lei do PSdeG neste sentido, lembrou que se trata dunha reivindicación do Comité de Empresa, dos traballadores e traballadoras dese Hospital perante a discriminación que sofren respecto a outros centros, “inxustiza que está a repercutir na calidade asistencial do centro”.
Ana Pontón deu o seu apoio á iniciativa, complementándoa coa emenda, toda vez que existe fundamento xurídico para crear a categoría profesional demandada, pois o decreto 91/2007 do 26 de Abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade supuxo a equiparación do persoal das antigas fundacións sanitarias ao persoal estatutario, tendendo a evitar discriminacións derivadas da existencia de réximes xurídicos distintos.
"O PP sacou a careta ao votar en contra"
Para a parlamentaria, o PP, votando en contra da proposta, “quitou por fin a careta”, pois durante o pasado curso, no que o BNG xa levou á Cámara diferentes iniciativas sobre este asunto, a súa resposta foi sempre “que se estaba estudando o caso”, o que, na súa opinión, era realmente unha escusa para dilatar no tempo a negativa.
Asemade, Pontón cualificou de “cobardía” que o deputado popular da comarca eludira participar na Comisión e, por tanto, no debate, e advertiu que vai ter que dar explicacións públicas do voto do PP. Concluiu anunciando que o BNG vai seguir pelexando para que finalmente si se produza o recoñecemento da categoría, garantindo que non se reducen outras prazas, iso si.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario