Alberte Núñez Feijóo dixo que xa se está a actuar nas primeiras 90 hectáreas, “para evitar escorrentías e evitar que os bancos marisqueiros se vexan afectados por elas e polas erosións que se producen coas primeiras chuvias”
Boiro, 21 de setembro de 2010.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá, durante a visita, xunto ao Conselleiro do Medio Rural, ao monte afectado polo incendio de Boiro, o inicio das labores de recuperación das zonas afectadas polos incendios con máximo risco de erosións e de afectación a outros cultivos.
O responsable do Goberno galego explicou así que, neste momento, a Xunta está a traballar nunha zona “moi complicada, como foi o incendio de Boiro. Neste incendio de 499 hectáreas –dixo- estamos actuando nas primeiras 90 hectáreas para evitar escorrentías e evitar que os bancos marisqueiros se vexan afectados por elas e polas erosións que se producen coas primeiras chuvias”.
Neste sentido, Feijóo avanzou que “o Centro de Investigación Forestal de Lourizán está estudando, en colaboración cos departamentos de agricultura dos Estados Unidos e doutros países, cáles son as técnicas de plantación e de reforestación, tanto forestal como herbáceas, para manter as capas do solo e evitar as erosións que sofren coas primeiras chuvias”.
Así mesmo, destacou que o centro de Lourizán está a analizar, tamén, cáles son as actuacións que procede facer noutro incendio como foi o de Laza, aínda que o 99% da superficie queimada foi de monte raso.
O titular do Executivo galego agradeceu de novo o labor das 6.000 persoas que este verán están a traballar contra os incendios. “Quero dar as grazas a un dispositivo que funcionou e que está a funcionar de forma exemplar, nunhas condicións climatolóxicas excepcionais como as que estamos a vivir desde fai meses, con ventos de 70 nudos e cunha falta de auga continuada, semana tras semana, practicamente na totalidade de Galicia e moi especialmente en Ourense”. E destacou o traballo do Exército, tanto nas labores de extinción como na súa labor de vixilancia.
Feijóo tivo, tamén, un recordo especial para os dous brigadistas que perderon a vida este verán extinguindo un lume en Fornelos de Montes. “O dispositivo e o operativo das 6.000 persoas que, este verán, fixeron fronte aos lumes e que seguen a traballar ata o final da campaña non van a esquecer en ningún caso este feito irreparable e desde aquí queremos trasladarlle ás familias a nosa solidariedade e o noso recordo permanente”.
Durante a súa visita, o presidente da Xunta destacou o compromiso da sociedade galega co monte, cos bosques galegos e co medio ambiente. “Sentímonos arroupados en todo momento pola sociedade galega tanto nas tarefas de prevención, como nas tarefas de extinción e nas tarefas de denuncia aos incendiarios”. Por último, Feijóo lembrou que, a próxima semana, o Conselleiro do Medio Rural comparecerá no Parlamento para explicar o alcance e o contido desta campaña.
Vídeo: se quere ver un extracto do que dixo o presidente da Xunta en Boiro, aquí
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario