23.9.10

A Pobra: os socialistas denuncian novos episodios de verteduras no polígono industrial da Tomada

Din que onte, sobre as 15,30 horas, houbo un novo episodio de verteduras de orixe industrial, que a voceira socialista Teresa García denunciou diante da policía local

A Pobra, 23 de setembro de 2010. Os socialistas da Pobra aseguran que levan "anos denunciando e propoñendo alternativas para que se erradiquen as verteduras de orixe industrial procedentes do polígono industrial da Tomada. Este equipo de goberno é incapaz de exercer a autoridade que lle corresponde para erradicar estas verteduras industriais definitivamente".

Para o Psoe pobrense, "existe unha falta de conciencia absoluta por parte do Alcalde da Pobra ao non ter en conta o dano irreparable que se lle está a causar ó medio ambiente, ademais dos prexuízos económicos que  ten para os mariscadores e mariscadoras. As verteduras son continuas  e permanentes e están ameazando a saúde das persoas a través da cadea alimenticia e do río Morto. É preciso actuar de xeito decidido para preservar a ría de Arousa e a saúde dos ríos e cauces fluviais, e neste caso o equipo de goberno debe activar con urxencia os mecanismos necesarios para poder frear esta desfeita ambiental. Os responsables municipais deben traballar para facer compatible o desenvolvemento económico, a través das industrias asentadas na zona, co respecto ó medio ambiente e ó cumprimento da lexislación ambiental".

Explican que no Pleno ordinario de setembro de 2009 "presentamos unha moción na que lle solicitabamos ó Alcalde que fixera cumprir a lexislación ambiental en materia de verteduras industriais e precisamente o Regulamento Municipal,  para favorecer un desenvolvemento económico sostible e onde convivan a produción industrial e a protección ambiental. A moción foi rexeitada polo votos en contra do PP, coa contestación seguinte: “durante os últimos anos o goberno municipal estivo facendo un extraordinario esforzo en relación coa eliminación de verteduras e que seguían traballando para mellorar o medio ambiente e calidade de vida dos veciños”.

Os socialistas din que nin eles nin os veciños "poden aprezar ningún esforzo para erradicar as verteduras procedentes do polígono industrial da Tomada. Paradoxicamente hoxe o Parlamento Galego aprobou por unanimidade a proposta socialista incorporando as aportacións do Grupo Popular. Nada que ver co que acontece no Pleno da Pobra, o que o Partido popular deste pobo rexeita o Parlamento galego apróbao, tamén cos votos do PP. Pedimos ao Sr. Isaac sensatez, coherencia e raciocinio. Este goberno fixo un regulamento municipal de vertidos pero non é máis que papel mollado, é evidente que hai grupos de presión neste pobo que teñen indulxencias, que poden contaminar, que poden prexudicar o medio ambiente e que as consecuencias derivadas das súas accións nin tan sequera teñen sanción económica ningunha. Recordámoslle ao Sr. Isaac que leva mirando para outro lado durante 11 anos, que consinte, tolera e permite todo tipo de verteduras industriais. Que xa vai sendo hora de erradicalas, por conciencia e porque ten as ferramentas na súa man para poder facelo. Xa está  ben de palabras ocas e de representar ante os medios de comunicación unha actitude que é incapaz de cumprir. Este equipo de goberno é o que se afanou intensamente para inverter un millón douscentos mil euros en facer un paseo fluvial no río Morto e nos preguntamos se vai ser para que poidamos percibir mellor que tipo de vertedura discorre augas abaixo".

Por se fora pouco, o Psoe da Pobra lembra que a semana pasada  houbo un episodio de vertedura de aceites: "un manto aceitoso cubriu varios días as augas deste río, onte as verteduras eran nauseabundas, vomitivas e pestilentes. Entramos no xénero do absurdo, primeiro invisten en pompa e despois, cando teñan tempo, se cadra, sanean. Estas son as necesidades dun goberno municipal esgotado e insensato. Todo elo, un desatino", conclúen.

Relacionadas:

Aprobada por unanimidade no Parlamento unha resolución para erradicar as verteduras na Pobra

Propoñen depuradora na Tomada

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical