Ribeira, 23 de setembro de 2010.- O Concello desenvolverá a partir do vindeiro mes novas iniciativas co obxectivo de incrementar o voluntariado xuvenil no municipio barbanzano. Así o explicou María Esther Patiño Rey, concelleira de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia, quen explicou a importante labor que está realizándose mediante a acción voluntaria (en tarefas como acompañamento de enfermos no hospital, reforzo educativo para adultos ou intervencións individuais en domicilio), se ben unicamente 8 dos 27 voluntarios con que conta o Concello están nunha idade xuvenil.
Dende principios do próximo mes haberá un curso de formación para a participación na Acción Voluntaria que terá lugar na Aula Multimedia de Ribeira sita no paseo do Malecón. Constará de 30 horas de formación, das cales 14 desenvolverase en formato on line (a través da aula virtual AID Social Consultores durante un prazo de dúas semanas) e as outras 16 de xeito presencial (serán 6 sesións distribuídas conforme ao seguinte calendario: venres 1, 22 e 29 de outubro e 5 de novembro, en horario de 19 a 21 horas, así como sábado 23 e 30 outubro, en horario de 10 a 14 horas). Polo que respecta aos contidos do obradoiro, no que atinxe aos on line trataranse os seguintes temas: Voluntariado. Dereitos e deberes. Lei do Voluntariado; Tipos de Voluntariado; O Voluntariado Social. Características; Programa de Voluntariado do Concello de Riveira. Liñas de Intervención. E En canto aos contidos presenciais: O deseño e planificación de actividades; Traballo en grupo e traballo en equipo; A dinamización de grupos; comunicación e resolución de conflitos; A avaliación das intervencións; e Sesión de realización do proxecto. Os mozos interesados en participar (con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos) poden anotarse no Departamento de Servizos Sociais sito na rúa Correos de Santa Uxía ou chamando ao número 981 874131. Convenio coa Universidade de Santiago
Ademais, segundo anunciou Esther Patiño, o Concello está en vías de asinar un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, de tal xeito que os seus estudantes poidan obter créditos optativos transversais (unha nova tipoloxía de créditos confeccionada a consecuencia do Plan Bolonia) cando se realicen actividades de voluntariado no municipio ribeirense, ben sexa nas fin de semanas ou ben no período vacacional.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario