3.9.10

Política: o Psoe acusa á Xunta de seguir agochando información ao Valedor sobre as graves irregularidades nas oposicións

Os socialistas galegos destaparon fai oito meses a existencia de sospeitas de graves irregularidades nas oposicións do SERGAS e no mes de abril dirixíronse ao Valedor do Pobo para pedirlle que abrira unha investigación


Noia, 3 de setembro do 2010. O Viceportavoz e coordenador da Área Institucional do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage, denunciou hoxe “o ocultismo e a falta de colaboración do goberno galego co Valedor do Pobo” para clarexar as sospeitas de anomalías en diferentes procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O Grupo Socialista recibiu hoxe comunicación por parte do Valedor do Pobo onde o propio Valedor lles informa da negativa da consellería de Sanidade a enviar a documentación requerida, xa que envian un informe que nada ten que ver cos datos que lles pedira o Valedor do Pobo durante o mes de maio.

Lage Tuñas ve “moi grave o desprezo co que trata o goberno galego a unha institución como a do Valedor do Pobo, que está cumplindo coa súa obriga ao requerir datos concretos sobre as posibles irregularidades nas oposicións do SERGAS”. “Hai que respectar o control democrático das institucións, e polo que se ve ao goberno que preside Núñez Feijóo non lle gusta nada o cumprimento da legalidade, e moito menos a transparencia informativa”, explicaba hoxe José Manuel Lage, deputado socialista, quen tamén recordaba hoxe que "existen denuncias sindicais sobre fallos na custodia de exames, producíronse bastantes "casualidades" en diferentes procesos selectivos do SERGAS, hai sospeitas de graves irregularidades, e o goberno galego négase a depurar responsabilidades e intenta torear ao Valedor do Pobo ao negarlle a información que lle solicita”.

"A alarma social xerada é froito da pasividade do goberno galego que non atallou as anomalías e sospeitas de graves irregularidades con contundencia e agora négalle ao Valedor do Pobo a existencia dos feitos", asegurou o deputado do PSdeG. Lage Tuñas explica que “as denuncias non remitiron senón que se foron incrementando e nas últimas semanas téñense recibido denuncias de opositores sobre grupos como o de celadores onde tamén se teñen detectado anomalías. É un constante goteo de anomalías, sospeitas, e casualidades en procesos selectivos nos que participan máis de 35.000 persoas”.

O Viceportavoz do Grupo Socialista recorda que “o propio persoal do SERGAS facía público o pasado 28 de marzo a existencia de “fallos na custodia dos exames” dos procesos selectivos deste organismo da Xunta de Galicia. Esta denuncia sindical debe ser tida en conta xa que está en xogo a imparcialidade e as garantías de limpeza nos procesos selectivos”. O parlamentario socialista considera que “hai gato encerrado cando a consellería de Sanidade está obstruindo a labor do Valedor do pobo ao negarlle por segunda vez en catro meses a información requerida” e  “o goberno de Feijóo está mofándose do Valedor do Pobo, xa que os datos requeridos por éste no pasado mes de maio son negados e obviados pola Xunta na súa resposta”.

OPOSICIÓNS BAIXO SOSPEITA

Lage Tuñas pídelle ao presidente da Xunta “que tome decisións contundentes e poña fin ao cúmulo de irregularidades e anomalías que vive a función pública galega dende a súa chegada ao goberno galego”. “En tan poucos meses non se pode coleccionar unha cantidade tan abultada de conflictos, anomalías, filtraccións, sospeitas de irregularidades ou sentencias que poñen en dúbida o sistema de selección dos tribunais das oposicións para acceder ao emprego público na Xunta de Galicia.”, argumentou, e "“Feijóo debería ter cesado ao director da función pública xa fai moitos meses, non o fixo daquela e agora e iso fai que se convirta en cómplice absoluto da situación”, remata Lage Tuñas.

Antes, en Certo, sobre o mesmo, aquí

Download now or preview on posterous
valedor 2.PDF (245 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical