A Pobra do Caramiñal, 30 de outubro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, cualificou esta mañá a Valle-Inclán como “unha das principais personaxes da cultura galega e un escritor de transcendencia universal no sentido máis amplo e xeneroso deste concepto”. Así o asegurou durante a celebración dos actos de clausura das XII Xornadas de Homenaxe Valle-Inclán, nos que participaron ademais o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López; o alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras; o alcalde de Vilanova de Arousa, Juan José Durán, e o director do Museo Valle Inclán, Antonio González, entre outras autoridades.
Na súa intervención tras a ofrenda ante o monumento ao escritor no Cantón da leña, Roberto Varela salientou a figura de Valle-Inclán “pola súa sublime e anovadora literatura e por permanecer ancorado e vivo na memoria da xente, dos seus lectores”. Segundo o conselleiro de Cultura, o escritor galego “excede ao propio canon, que o supera longamente coa súa vida e a súa obra”. Ramón María del Valle-Inclán “une a toda Galicia coa forza da palabra, coa gavela das letras, cunha literatura de seu que nos fai sentir, se cabe, aínda máis orgullosos e felices de ser galegos e galegas”, apuntou. Para o conselleiro Roberto Varela, “Valle é literatura quimicamente pura, perfectamente humana e absolutamente vixente”.
Neste sentido, Varela destacou a importancia de 2011 para conmemorar, coincidindo coa efeméride do 75 aniversario do pasamento de Valle-Inclán, “unha obra e a un autor que se aquilatan co paso do tempo”. Do mesmo xeito, o conselleiro tivo palabras de agradecemento ao “esforzo organizativo” realizado desde fai anos polo Museo Valle Inclán e que permite que hoxe “outubro sexa o mes de Valle”.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario