15.10.10

A Pobra: o Bng presentou unha solicitude para que se manteña o NoiteBús


A Pobra do Caramiñal, 15 de outubro de 2010. O Bng local presentou onte no rexistro do Concello unha petición para que se manteña o servizo do Noitebús. O texto completo é o seguinte:

"O PP, a través da Xunta de Galiza, vén de anunciar a súa intención de suprimir o servizo coñecido como “Noitebús”. Esta iniciativa, posta en marcha na pasada lexislatura, forma parte das actuacións destinadas a mellorar a seguranza viaria e reducir a sinistralidade, cubrindo as necesidades de desprazamento nocturno da mocidade. A demanda que rexistrou desde a súa posta en funcionamento, sobre todo na nosa bisbarra, dá boa mostra de que é un servizo necesario do que non se pode prescindir.

     Ao noso xuízo, é lamentábel, á par que unha irresponsabilidade, escoitar do presidente do Goberno Galego que “este é un servizo que resulta innecesario nun momento de dificultades económicas”, cando persoas expertas nesta materia fixeron público, ao mesmo tempo, o seu desacordo. A propia Dirección Xeral de Tráfico (DGT) afirma que “este servizo ten demostrado a súa eficacia, ademais de contribuíu a eliminar vítimas e a concienciar sobre a condución segura”. Tamén a Plataforma “Stop Accidentes” uniuse a estas manifestacións para cualificar a pretensión do goberno do PP de “desastre”, para engadir que “sempre é máis barato previr que lamentar”.

     O BNG considera un auténtico desatino a intención do PP e o anuncio feito polo presidente da Xunta. Os fondos destinados a previr os accidentes e dar servizos á xente nova non poden considerarse un dispendio. Por outra parte, o custe do servizo é perfectamente asumíbel pola Xunta de Galiza. No ano 2010 a Xunta dedicou ao “Noitebús” pouco máis de 4,5 millóns de euros, unha cifra que representa o 0,5% do orzamento da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Un investimento moi inferior ao gasto que o goberno do PP está a facer en propaganda e publicidade desde a Xunta de Galiza. O normal é que os recortes se realicen no ámbito da propaganda e non en servizos que cumpren unha función social evidente. A Xunta de Galiza debe rectificar esta decisión e manter o funcionamento dun servizo que ten demostrado a súa necesidade e utilidade.

     Sendo o noso concello e a nosa comarca territorios afectados moi gravemente pola decisión anunciada pola Xunta e, polo tanto, os nosos e as nosas xoves as que van vivir ese recorte en primeira persoa, mesmo con perigo das súas propias vidas,

     SOLICITÁMOSLLE se dirixa á Xunta de Galiza para instala a manter o funcionamento do servizo de transporte público nocturno a lugares de lecer (“Noitebús), sen aplicar ninguna redución das rutas existentes e mellorando a súa dotación e funcionamento no conxunto do territorio galego en xeral e, en particular, na comarca da Barbanza e no concello da Pobra do Caramiñal.

     A Pobra do Caramiñal, 15 de outubro de 2010. 

     Asdo.: Rosana Pérez Fernández,

     Concelleira e portavoz do G. M. do BNG".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical