2.11.10

Pesca: os Socialistas critican os orzamentos da Consellería de Mar, a cal di que son equilibrados

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira afirmou que os recursos destinados a pesca galega perden un 26% con respecto os de 2009,  e case un 18% en relación cos de 2010, e asegura que as prioridades do Goberno non están neste sector productivo 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2010. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, interviu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento, trala comparecencia da Conselleira do Mar na que explicou os orzamentos da súa area. Alí denunciou que as contas autonómicas certifican a súa falla de compromiso coa pesca de Galicia e o nulo peso político que Rosa Quintana ten no conxunto do executivo galego. Dixo que os recursos destinados a pesca galega perden un 26% con respecto os de 2009,  e case un 18% en relación cos de 2010, e asegura que as prioridades do Goberno non están na neste sector productivo. E asegurou que a Conselleira compareceu hoxe no Parlamento para certificar a defunción política do seu departamento.

Soneira advirte que a Conselleira do Mar entrou na Consellería aprobando un plan de adaptación de flota (desgúaces) e vaino consolidando a unha velocidade sorprendente, e sinala que rematara “co desguace da Consellería do Mar”.

Na súa intervención aludiu á anulación, por parte do Goberno de Feijoo, do Seguro Colectivo de Accidentes no Mar por razóns de “interese público”, e fundamentadas no actual escenario de recortes no gasto público, tanto no presente exercicio 2010 como no seguinte 2011, do que se están a elaborar os seus orzamentos, motivadas pola situación actual de crise económica. A deputada afirma que con esta decisión deixan tirados a 30.000 homes e mulleres do Mar. E por iso preguntase que credibilidade poden ter uns orzamentos que se redactan, formalmente, e se envían o Parlamento con este desprezo pola verdade e polo rigor?, insistiu.

A deputada socialista tamén se referiu ao Programa que contempla, entre outras actividades “Subscrición dun seguro de mal tempo para o sector”. Denuncia que o mais curioso é que, cando buscamos nos orzamentos a partida correspondente para o seguro de mal tempo, “non está”. Di que o Partido Popular suprimiu o seguro colectivo de accidentes no mar e suprimen o seguro de mal tempo, con nocturnidade, aleivosía e clara intención de enganar. 

A portavoz de pesca advirte, coas cifras na man, que a Consellería do Mar engana ao conxunto do sector cando, de maneira demagóxica, anima a recuperar a “ilusión polo mar e a retornar a unha profesión con futuro” mentres se constata unha perda do 26% con respecto a 2009, e de case o 18% en relación cos orzamentos de 2010. Asegura que esta Consellería sen os aportes da UE e do Estado en determinados programas “non tería razón de existir”, espetou.

Reducción en Portos de Galicia

A maiores denuncia tamén unha reducción dos orzamentos de Portos de Galicia en infraestructuras vitais para o desenvolvemento da flota e dos servizos portuarios, nunha porcentaxe do 51%. 

A portavoz de Pesca preguntase como é posible que as cantidades que figuran no conxunto das transferencias correntes, nun orzamento anual que cae case un 18%, sexa a mesma (ó céntimo) que a do ano anterior?, e ironiza sobre o asunto “eso é un milagre contable e matemático incrible”, que solo está o alcance dos moi cualificados técnicos e xestores que conforman a consellería do Mar.

Unha Goleta por 1.8 millóns de euros

Tamén fixo alusión sobre a polémica da construcción dunha Goleta na Mariña de Lugo. Explica que a construcción desta embarcación suporá unha inversión aproximada de 1,8 millóns de euros para as arcas públicas “esta é a austeridade do Goberno de Feijoo?, lamentouse. 

Soneira asevera que con estes orzamentos desmantélanse programas vitais para o futuro do sector. E puxo exemplos de partidas como a investigación que se reduce nun 28,73%, a divulgación da tecnoloxía pesqueira que baixa un 56,44%, o fomento da acuicultura que se reduce nun 11,55%, ou a promoción das nosas produccións pesqueiras que se reduce o programa un 9,23%.

Explica tamén que esta Consellería que ten claro onde están os seus aliados e os seus intereses, e puxo como exemplo as seguintes cifras; “promedio para a destrucción de barcos: 682.558 € por unidade, e para mellora buques pesqueiros: 22.489 € por unidade”.

Para resumir dixo que a Consellería do Mar no tocante a Seguridade no Mar e Cultura do Seguro tratan de confundir a sociedade vendendo seguros privados, constituídos en despachos de amigos que serán os que leven a comisión, e incluso lles redactan as notas de prensa.

Xa por último asevera que estes orzamentos enterran toda posibilidade e toda a capacidade investigadora da pesca galega. Dixo que tampouco hai “un céntimo” para paralizacións temporais para recuperar caladoiros. E concluíu as contas de Rosa Quintana son “as peores que nunca presentou aquí ningún Conselleiro de Pesca en tódolos sentidos”, sentenciou.

Versión do Partido Popular (Xunta de Galicia)

A Consellería do Mar presenta uns orzamentos axustados e adaptados á realidade na procura da eficacia e da eficiencia

A súa configuración realízase de xeito que permitan continuar coas liñas fundamentais de traballo recollidas no anterior orzamento e atendender ás principais demandas do sector

A busca da eficacia e a eficiencia reflíctese no descarte de programas e liñas de traballo que acadaban baixas cifras de execución e en destinar fondos de partidas sen execución nin demanda a aquelas que teñen maior solicitude

Estes orzamentos buscan continuar nas liñas de mellorar a seguridade do sector, reforzalo, garantir a competitividade nos mercados e reordenar aqueles aspectos que axuden a seguir definindo as liñas de futuro

  • A conselleira do Mar, na súa comparecencia parlamentaria
    Autor: Ana Varela
  • A conselleira do Mar, antes da comparecencia parlamentaria
    Autor: Ana Varela

Santiago, 2 de novembro de 2010.- Os orzamentos da Consellería do Mar para o 2011 buscan acadar a eficacia e a eficiencia cun axuste que permite continuar coas liñas fundamentais de traballo recollidas no anterior orzamento e atender ás principais demandas do sector. Foi o que expresou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, esta tarde no Parlamento, onde sinalou que as liñas de actuación deste orzamento realizáronse para facer fronte a un ano “extraordinariamente difícil” no que se deben axustar os orzamentos chegando ata acadar a cifra dos 175,5 millóns de euros para 2011. A conselleira incidiu que as principais accións están baseadas “no interese xeral” e nelas, segundo incidiu, “non queremos afrouxar o paso salvo no prescindible”.

A busca da eficacia e a eficiencia nestes orzamentos reflíctese no descarte de programas e liñas de traballo que acadaban baixas cifras de execución debido á escasa demanda que o sector facía das accións a elas acollidas, caso do seguro do mal tempo. Tamén se reflicte, segundo sinalou Rosa Quintana, no destino de fondos de partidas sen execución nin demanda a aquelas que teñen maior solicitude. Deste xeito, segundo salientou, “ adecuámonos ao que o sector solicita e demanda e damos a posibilidade de exhaustivizar a execución orzamentaria, especialmente no caso dos fondos europeos”. A conselleira tamén sinalou a importancia de optimizar o funcionamento da administración, o que se plasma na redución de máis dun 5% de persoal e gasto corrente do seu departamento.

Ao mesmo tempo, estes orzamentos buscan, segundo recalcou Rosa Quintana, ser “acordes ás liñas de futuro” que a Consellería desenvolve en todos os eidos da súa xestión. Por iso “non abandonamos os nosos compromisos para o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego e damos continuidade ás liñas mestras iniciadas no orzamento do presente ano e plasmadas noutros elementos coma a Lei de Pesca”, argumentou. Esta continuidade realízase atendendo ao sector e ao equilibrio dos eidos social, económico e ambiental.

Seguridade marítima
A seguridade marítima continúa sendo un dos principais compromisos do departamento que dirixe Rosa Quintana. Isto reflíctese nos seus apoios aos avances do seguro marítimo-pesqueiro. Neste sentido, a conselleira falou dos reaxustes realizados “cara a liñas máis acordes coa legalidade e coa corrección do gasto”, deixando sen efecto o do seguro colectivo de accidentes para achegar un apoio do 25% no pago das pólizas anuais do seguro obrigatorio de responsabilidade civil e ante terceiros. Segundo lembrou, a diferencia do anterior, este novo seguro, garante unha cobertura plena e afianza en Galicia “a verdadeira cultura do seguro no mundo do mar” .

Neste apartado e, a pesares dun axuste de algo máis dun 20%, a Consellería continúa apostando de xeito irrenunciable pola operatividade das 24 horas dos 365 días das aeronaves e buques de vixilancia e salvamento, xa que son “unha peza fundamental na salvagarda das vidas dos nosos mariñeiros e na acción de loita contra o furtivismo”, indicou Rosa Quintana.

Competitividade
A aposta por competir nos mercados é unha liña que a Consellería do Mar busca afianzar. Neste ámbito os orzamentos experimentaron un axuste mínimo e inferior á baixada xeral, o que leva a adecuar os orzamentos á demanda e solicitude real. Isto tradúcese nun axuste dun 11,7% á partida destinada ás achegas a empresas para a mellora das estruturas de comercialización e transformación. Por outra banda, mantéñense as partidas dedicadas a fomentar a identificación e diferenciación dos produtos galegos nos mercados co obxectivo de competir nun “mundo globalizado e de difícil competencia”. Nesta liña, e tras axustar os seu custes á realidade a través dunha mellora na contratación, a Consellería continúa coas campañas de promoción do consumo de productos do mar.

No que respecta á comercialización, dáse continuidade ás partidas destinadas á investigación de mercados e increméntanse nun 100% das partidas destinadas á realización de proxectos piloto, que son promovidos polo sector.

Acuicultura e marisqueo
Outra liña de acción destes orzamentos é a da reordenación das fórmulas de explotación do noso mar para garantir a viabilidade económica futura do sector. Por iso medran as posibilidades de axuda ao esforzo investidor e promotor privado no eido da acuicultura, unha vez que tome forma o cambio de réxime de acceso e o novo catálogo de emprazamento e unha vez se consolide a posibilidade de levar adiante proxectos de produción piscícola na nosa comunidade.

O apoio á redinamización do marisqueo como fonte de emprego e produción é un compromiso que o departamento de Mar mantén firmemente e para o que non realizou axustes. Deste xeito continuarán as axudas económicas postas en marcha neste ano para a busca e potenciación da recuperación de zonas improdutivas.

Portos
No ámbito portuario unha das liñas de acción prioritarias é a de “adecuar os esforzos en infraestruturas” reprogramando as grandes partidas de investimentos e centrando as accións cara as pequenas infraestruturas e equipamentos “de custe asumible pero de grande rendibilidade e valor no uso diario”, apuntou a conselleira. De aí que nos portos se lle dea continuidade ao Plan de Investimentos Menores, que tanto demanda o sector e que a Consellería segue apoiando incrementando a súa contía case nun 18%. Ademais Portos de Galicia continuará coas actuacións de redución das taxas portuarias aos distintos usuarios dos peiraos.

Formación
Neste eido, os orzamentos experimentaron un mínimo axuste sostido polo gasto corrente. Pese a esta contención do gasto a Consellería realiza esforzos para dar continuidade á súa estrutura formativa, medrando o seu orzamento nun 2,5% e sen reducir as axudas aos estudos de formación profesional náutico–pesqueira. Este apartado tamén se axustou de xeito que permite a continuidade da formación non regrada, especialmente á básica para o embarque. No que atinxe a investigación, a Consellería mantén o seu compromiso de apoio á I+D+i, continuando coa partida dedicada ao Centro Tecnolóxico do Mar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical