O Día Internacional contra a Violencia Machista tamén contará cunha mesa redonda sobre malos tratos ás mulleres na aula multimedia.
Ribeira, 23 de novembro de 2010.- Baixo o título “Relatos Visibles”, unha exposición didáctica sobre as diferentes formas en que se adoita producir o maltrato dos homes cara ás mulleres vai servir este xoves 25 para recordar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A mesma foi elaborada a partir das vivencias e experiencias recollidas polas técnicas municipais que traballan no Centro de Información á Muller (CIM) e consta dun total de 39 paneis (poden ver réplica en powerpoint) nos que, combinando imaxes impactantes con textos descritivos, enuméranse os xeitos máis comúns de violencia machista que se producen. Esas formas non só adoitan ser de carácter físico ou psicolóxico, senón tamén de tipo sexual, económico ou social.
Así o transmitiron esta mañá na presentación do acto a concelleira de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia, María Esther Patiño, e a directora e asesora xurídica do CIM, María Dolores Crujeiras, na Casa do Concello.
A mostra será inaugurada ás 12 do mediodía do xoves na planta baixa do Auditorio Municipal e prolongarase ata o día 30. No citado acto de apertura, a tenente de alcalde de Ribeira, Dolores Elorduy, lerá un manifesto reivindicativo da non violencia ás mulleres.
Ademais, o mesmo xoves 25 de novembro, a partir das 19.30 horas, terá lugar na Aula Multimedia unha mesa redonda sobre este tema, que contará coa participación da citada María Dolores Crujeiras, coa psicóloga do CIM Ángeles Pazos, e coa sexóloga do centro, Penélope Alonso. A entrada é libre. Animan aos ribeirenses a que se impliquen nestas actividades, destinadas a sensibilizar á xente sobre esta lacra permanente na Historia.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario