23.12.10

Ribeira: adxudicadas pavimentación e renovación de servizos nun anaco da rúa de Galicia na cidade e de Braña da Area en Aguiño


A rúa de Galicia fíxose peonil durante este ano 2010

Ribeira, 23 de decembro de 2010.- O Concello acaba de adxudicar provisionalmente novas actuacións de pavimentación e renovación de servizos en dous puntos do municipio: por unha parte, no tramo final (entre a Praza da Concordia e a rotonda de Padín) da rúa de Galicia, antes General Franco, e na travesía de Padín, ambas localizadas en Santa Uxía, e por outra parte, na rúa Braña da Area na parroquia de Aguiño.

A actuación da rúa de Galicia, que está adscrita ao Plan de Obras e Servizos (POS 2010), foi adxudicada a Obras y Viales de Galicia (Oviga) despois de ser licitada por un prezo de 552.308,32 euros. O prazo de execución é de cinco meses.

En canto á obra da rúa Braña de Area, enmarcada dentro do POS complementario, foi licitada por 180.700,92  euros e adxudicouse a Lisardo Inversiones. O prazo de realización tamén é de 5 meses.

Suponse que logo deste amaño non acontecerán máis asulagamentos

Tramo final da rúa de Galicia e travesía de Padín

Polo que respecta ao tramo final da rúa de Galicia, á renovación de servizos municipais consistirá en:

   1. Auga: Cambiaranse as tubaxes existentes por outras de fundición dúctil
   2. Saneamentos fecais: anularase o colector central existente e colocaranse dous colectores de PVC, un en cada beira da rúa.
   3. Saneamentos pluviais: disporase  polo centro da rúa un colector de PVC corrugado e construiranse sumidoiros sifónicos a ambos lados da calzada.
   4. Alumeado: Disporanse puntos de luz en brazos acaroados ás fachadas cada vinte metros. Substituirase toda a rede aérea por canalización enterrada.

En canto á travesía de Padín:

   1. Auga: cambiaranse as tubaxes existentes por outras de polietileno de alta densidade.
   2. Saneamentos fecais: disporase dun colector de PVC liso.
   3. Saneamentos pluviais: colocarase un colector de PVC corrugado e construiranse sumidoiros sifónicos no centro da rúa.
   4. Alumeado: disporanse puntos de luz en brazos acareados ás fachadas cada 27 metros. Tamén se cambiará toda a rede aérea por canalización enterrada.

Tamén se prevé  no proxecto a substitución das redes aéreas de telefonía e electricidade por canalizacións enterradas. Polo que respecta á  pavimentación, na rúa de Galicia manterase a ordenación actual, polo que se conservará un carril de circulación de vehículos de 3,75 metros de ancho e unha banda de aparcamentos en liña de 2,25 metros de anchura.

No que se refire á pavimentacións de beirarrúas e outras áreas peonís, empregaranse lousas de granito abuxardado de 60x40x4 para harmonizar o espazo coas rúas colindantes. Tamén se instalará  un sistema soterrado de almacenamento de residuos formado por catro contedores con capacidades mínimas de 1.100 litros.

O mobiliario proxectado está formado por bancos e xardineiras de madeira tratada. Contémplase ademais a construción de alcorques cadrados cada 20 metros na banda de aparcamento en liña para diminuír o impacto visual dos vehículos estacionados.

Rúa Braña da Area en Aguiño

No que atinxe á  rúa Braña de Area, as obras a realizar inclúen a montaxe de tubaxes para abastecemento de auga, saneamento de fecais e drenaxe de pluviais, a instalación de conducións soterradas para o alumeado, a colocación de báculos e luminarias, a pavimentación con aglomerado asfáltico e a pavimentación de beirarrúas con baldosa hidráulica.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical