18.1.11

Música: novo certame para grupos galegos cuxo premio será un concerto como teloneiros de Def con Dos e O'Funk'illo


Hipotécate tú. http://www.defcondos.com

Barbanza-Noia, 18 de xaneiro de 2011. O certame musical “Airiños de Rock&Roll” premiará a dous novos grupos galegos cun concerto como teloneiros de dúas bandas recoñecidas: Def Con Dos e O’Funk’illo. Esta actuación terá lugar o 26 de marzo no escenario central do Coliseum da Coruña.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa esta iniciativa, que afirma a Xunta "non ten precedentes en Galicia". No acto estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; polo director do Coliseum, Javier Rodríguez; polo músico e director Pepe Bao; e polo promotor musical do evento; Francisco Gómez “Gandy”.

Poderán acceder a este concurso a aquelas bandas que teñan polo menos un 74 por cento dos seus músicos entre os 16 e os 30 anos. Para inscribirse, os grupos poderán facelo entre o 18 de xaneiro e o 18 de febreiro, seguindo as bases que están colgadas na páxina web http://www.xuventude.net. Ademais, para anotarse, terán que enviar unha gravación dos seus temas ao concurso.

Deste xeito, o 26 de marzo celebrarase un encontro de novas bandas de Galicia, que terá lugar na sala de concertos “O Túnel”, dentro das instalacións do Coliseum da Coruña. Esta xuntanza comezará a partir das 17,00 horas e nela actuarán as 12 formacións galegas preseleccionadas (3 por provincia). De todas elas, dúas serán escollidas para actuar ás 22,00 horas no escenario central, como teloneiros de Def Con Dos e O’Funk’illo.


"Rulando". http://www.ofunkillo.es (Funky andaluz embrutessío)

As doce bandas preseleccionadas serán elixidas por unha comisión nomeada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para este fin, que estará composta por músicos e produtores. Pola súa banda, os dous grupos finalistas serán escollidos cos votos das doce bandas preseleccionadas. No caso de empate, será a comisión anterior quen decida.

Ademais das actuacións, todos os grupos que se anoten non optarán tan só a subirse ao escenario, senón que poderán asistir gratuitamente aos actos, tan só polo feito de participar. Os novos músicos tamén poderán asistir a unha “master class” a cargo dun dos considerados como mellores baixistas de España, Pepe Bao.

O certame “Airiños de Rock & Roll” inscríbese no programa “xuventudémúsica”, da Consellería de Traballo e Benestar, que ten como obxectivo ofrecer aos novos grupos galegos a súa participación en accións que faciliten a promoción da súa creatividade.

Neste programa, inclúense tamén outras actuacións como a construción de locais de ensaio –ao longo deste ano inauguraranse un total de 11 salas de ensaio e gravación musical-; a publicación de cd’s recopilatorios; a organización de concertos e certames; ou a posta a disposición dos grupos do “trailer da música”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical