A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 17 de xaneiro de 2011.- A Consellería de Traballo e Benestar construirá un centro de día de 40 prazas no Concello de A Pobra do Caramiñal, segundo confirmou hoxe a titular dese departamento, Beatriz Mato, nunha visita á vila na que esbozou as características xerais do novo equipamento.
O proxecto do novo centro de día, que suporá un investimento de arredor de 800.000 euros, terá unha oferta de 40 prazas, será adxudicado o vindeiro mes e as obras poderían licitarse neste primeiro semestre. O centro de día, que estará situado ao carón do pavillón polideportivo municipal, será un servizo dirixido a persoas maiores con dependencia ou en risco de padecela, co obxectivo de que poidan preservar a súa autonomía durante o maior tempo posible.
Na súa intervención, Beatriz Mato sinalou que Galicia ten unha das taxas máis altas de toda España de poboación maior de 65 anos, polo que “atender ás necesidades deste colectivo e garantirlles unha maior calidade de vida é unha prioridade para o Goberno da Xunta”. O seu departamento presentou o Plan para as Persoas Maiores de Galicia 2010-2013, un documento acordado coas entidades e cos profesionais que traballan nos servizos para as persoas maiores e asumido por todo o goberno da Xunta que supón “unha planificación seria, a curto e medio prazo, do que temos que facer para que Galicia conte con máis e mellores servizos sociais”.
Por último, salientou que o traballo “con rigor, responsabilidade e visión de futuro e buscando a eficacia e a eficiencia dos recursos” permitiu á Consellería de Traballo e Benestar incrementar en dúas mil as prazas en centros para persoas maiores en Galicia no que vai de lexislatura.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario