"Atrapado na torre" para Porto do Son e A Pobra e "Detrás da canción" en Boiro e Muros
Barbanza-Noia, 7 de febreiro de 2011. O programa de dinamización do uso do galego que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística para os mozos e mozas de 3 a 18 anos, Bocaberta, volta a estas bisbarras na fin de semana. Desta volta recalará na Pobra do Caramiñal, o sábado 12, con Atrapado na torre, no Teatro Elma; a mesma función en Porto do Son ese mesmo día na casa de cultura; e tamén o sábado 12 estará en Boiro o obradoiro de hip hop e concerto de The Homens que leva o título Detrás da canción. Xa o domingo, 13 de febreiro, o turno será para Muros, que terá dúas sesións de Detrás da canción, unha no telecentro e outra na casa de cultura.Que é "Atrapado na Torre"?
Everest e Chrystian Magic suman forzas no proxecto Atrapados na torre, que conta a peripecia deste mago coruñés para chegar a converterse nun auténtico prestidixitador. A través dos trucos e das ilusións, o proxecto pretende vencellar a lingua galega con espazos de diversión abertos á fantasía e, á vez, transmitir valores como os do esforzo, o traballo e a constancia para conseguir os soños de cada un. Recomendado para nenas e nenos de 9 a 12 anos.
Que é "Detrás da canción"?
Un obradoiro para aprender a compoñer pop, aproveitar as novas tecnoloxías para gravar música e compartila co resto do mundo. Integrantes dos grupos galegos Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer as claves deste proceso creativo.
Detrás da canción é unha actividade que consiste nun curso de música caseira de pouco menos de dúas horas, con Carlos Valcárcel, Projecto Mourente, e nun concerto acústico do grupo de pop galego The Homens, que desde o ano 2004 editou dous EP e outros tantos LP nos que combina a melodía pop coa furia do punk e os retrousos cantables. As inscricións nos obradoiros poden facerse en www.detrasdacancion.info.Recomendado para mozas e mozos de 12 a 18 anos.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario