7.2.11

Rianxo: o alcaldable nacionalista escoitou as inquedanzas de veciños do Araño

O candidato do BNG de Rianxo, Adolfo Muíños, entrevistouse coa directiva da Asociación de Veciños do Araño

Rianxo, 7 de febreiro de 2011. Dentro dos contactos que o candidato nacionalista á Alcaldía de Rianxo está a realizar por todo o concello o venres foi a quenda da xuntanza coa directiva dos veciños do Araño, que tivo lugar na escola de Buía, agora destinada provisionalmente a usos socioculturais da parroquia. Acompañárono membros do grupo municipal do BNG.

Adolfo Muíños amosou a súa confianza en que a Deputación Provincial acometa as obras do novo centro sociocultural na Capela- Araño, para dar servizo aos veciños e veciñas. Un orzamento de 250.000 euros ao 100% financiado pola institución provincial. Destacou tamén que en decembro se resolveron definitivamente os trámites administrativos para trocar as normas subsidiarias rianxeiras que permitirán desenvolver axiña o proxecto.

Agora, manifestou, "tras encamiñarse as obras do recinto, é o momento de comezar a traballar conxuntamente responsábeis municipais e colectivos sociais da parroquia para dar contido a este novo equipamento". Neste senso comprometeu o apoio do BNG para articular unha rede de actividades socioculturais descentralizadas nas parroquias, cun paquete de actividades que reforcen o traballo que desde as asociacións e os centros culturais se realizan, desde espectáculos de pequeno formato: maxia, títeres, teatro, conferencias... até actividades de apoio ao estudo e recreativas. Tamén compre amañar as eivas deste local provisional mentres o outro non está operativo, manifestou Adolfo Muiños ao reparar nas humidades existentes no local de xuntanzas. Fixo súa tamén a demanda dunha pista polideportiva.

Participación veciñal e Orzamentos Participativos

Outro dos puntos principais da xuntanza versou sobre a dotación dun regulamento de participación veciñal que permita escoitar directamente no concello a voz dos veciños, desde os plenos municipais á creación dos consellos veciñais, ambas figuras ausentes da vida pública de Rianxo. "Unha eiva democrática que o BNG resolverá, creando as canles precisas para que as xentes de Rianxo teñan voz directa nos asuntos que lle competen", manifestou Adolfo Muíños. Algo xa previsto nas leis pero que neste concello non se quixo desenvolver.

Para isto, e nisto coincidiu co plantexado coa directiva da asociación, tamén compre mellorar a información que se da dos plenos, das comisións, dos acordos, das ofertas de emprego, das contratacións de obras e demais, "reforzando o papel da web municipal como xanela aberta así como dos bandos informativos para que cheguen a todos os recantos. Sen información aberta, en tempo e veraz, non hai calidade na participación", argumentou Muíños.

Salientou o candidato do BNG que, como elemento importante da participación veciñal "dotaríamonos da figura dos orzamentos participativos, dirixidos a canalizar investimentos directamente surxidos da vontade democrática dos veciños e veciñas expresada nas asembleas parroquiais. Vós escolledes o destino dunha parte dos vosos impostos debatendo sobre prioridades e administrando recursos dispoñíbeis, que mellor democracia que ésta!", expresou. Outro pequeno bloque da xuntanza versou sobre problemas puntuais nas que a a asociación lembrou o cruceiro desmontado para o Rabado, eivas na iluminación e estado das pistas da parroquia, especialmente a do Campelo a Traba e a Taragoña.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical