8.4.11

Ribeira: Corrubedo acolle o Xoves Santo, 21 de abril, o Kurrala Rock 2011

Kurrala11_3

Ribeira, 8 de abril de 2011. Pensabamos que só había dous festivais este mes -que xa é unha barbaridade para abril- e faltounos o Festival de Punk-Rock por excelencia do Barbanza, o Kurrala Rock 2011, con concertos aos que xa lle gustaría a Chuck Norris -dinos a organización que non vén por problemas de axenda- escoitar.

O Kurrala Rock conta desta volta con cinco bandas galegas e unha de Euskadi que van atronar nun campo de fútbol no que haberá 16 metros de escenario, 15.000 watios de son, 60.000 de luces e litros e litros de bebidas espirituosas -sede responsables coa vosa sede- para que a noite sexa caralluda. Comezan ás nove da noite e, como é lóxico, non aventuran hora de remate.

Haberá varios técnicos profesionais de sonido e luces para que todo vaia como debe ser (a pedir de Milhouse), haberá barra para refresca-la gorxa a prezos económicos (populares non se pode dicir que estamos en precampaña electoral) e ampla zona para aparcar. Tamén, para o bandullo, haberá bocatas, que non todo vai ser beber, galopíns. O que non se mova en coche nin furgalla hippie pode coller un bus desde Ribeira ás 19.20 e 21.35 (neste último chegaredes tarde, informais). Para os máis finos, o teléfono da parada de taxi de Ribeira é 981 87 04 66 e o do Radio Taxi, 636 27 37 27.

Que podemos dicir das bandas que tocan?

SUTURA (Basque Punk Legends), TRINTXERPE-EUSKAL HERRIA é unha banda que leva máis de 10 anos pateándose os principais escenarios de festivais, gaztetxes e prestixiosas salas, tanto de Euskal Herria con do resto do estado. Compartindo escenarios con U.K.SUBS, GATILLAZO, VOMITO, ENVIDIA KOTXINA, LEHENDAKARIS MUERTOS, ANTI-REGIMEN e outros grupos cañeiros (potentes, non que tomen cañas).
Acaban de chegar de Inglaterra para presentar en exclusiva para KURRALA ROCK o seu novo cd: "SUEÑOS PODRIDOS". Será o seu primeiro concerto en Galicia dentro da xira que o o grupo ten previsto facer nestas datas.

COMPAÑIA DO RUIDO (mestizaxe), de Galicia. É unha formación multitudinaria con gran éxito en todo o panorama musical galego. Foi a primeira banda que tocou no Kurrala alá polo ano 2003. Oito anos máis tarde, e despois de percorrer centos de escenarios e verbenas por todo o país cun espectáculo á altura dos máis grandes, veñen presentar o seu novo traballo discográfico. Arrasan por onde pasan e non deixan títere sen bailar a ritmo de SKA-PUNK-REGGAE...tamén se deixan levar pola música tradicional, os ritmos balcánicos, cha cha cha, rock&roll...Mes-ti-za-xe en estado puro.

INLLORFEIS (hardcore/punk) KORRUBEDO-TIERRA DE FUEJO. É o grupo residente do festival Kurrala. Tocaron en tódalas edicións desde que o KURRALA se facía no patio dunha casa. Tamén veñen presentando o seu novo traballo "ALPABARDA", así como a un novo membro na banda. Este cd levounos de xira por EUSKADI. Tamén estiveron facendo varios concertos por Galicia, así como varias entrevistas para diversos medios;como a participación no programa PLANETA FURANCHO da RADIO GALEGA. Tamén en CERTO, Radio Boiro...

THE SIBERETS(rock alternativo) RIBEIRA/POBRA DO CARAMIÑAL.
Foron gañadores do I CONCURSO ABERTO DE BANDAS organizado por KURRALA ROCK e a A.C. BASTANTES LLON. Despois de chegar moi lonxe en concursos moi prestixiosos a nivel nacional, como o EISV LIVE MUSIC, chegan ao festival presentando o seu primeiro traballo discográfico.Trala súa actuación no certame Kurrala e o concerto que deron na II NOITE KURRALEIRA, este grupo ganouse a pulso ser unha das primeiras confirmacións para o KURRALA´11.

GENERAZIÓN PERDIDA (punk de toda a vida), de  RIBEIRA.
Esta xoven banda ribeirense está dando moito que falar no panorama musical local. Participaron na maioría dos concertos organizados polas principais asociacións ribeirenses. Versionan grandes clásicos do punk estatal intercaladas con cancións de colleita propia. Actualmente están compartido unha especie de xira con INLLORFEIS. A ambos grupos gústalle tocar xuntos e non dubidan en facelo sempre que poden a berro de: ABRIIMOS NOOS!!!

Entón, nena, neniño: valo perder?

E pode que tamén teñas máis gañas de festa ao ler:


Concerto: o 22 de abril, Sutura, Inllorfeis e Curva á eskerda


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical