Así o recoñeceu a xerente do Sergas nunha resposta ao Bng. O candidato polo PP á alcaldía de Ribeira queda deste xeito cunha promesa desactivada xa ao inicio de campañaRibeira, 6 de maio de 2011. A portavoz de sanidade do BNG, Ana Luísa Bouza constatou, trala intervención da xerente do SERGAS, Rocio Mosquera, e a través dunha pregunta formulada pola nacionalista que, a Consellaría de Sanidade “non cumprirá cos compromisos acadados no Parlamento galego” porque a aprobación “por unanimidade” da resolución do BNG para a creación da figura de celadores nos hospitais comarcais respondeu a “un acto electoralista” do candidato do Partido popular á alcaldía de Ribeira e daquela, portavoz do PP no Parlamento, Manuel Ruíz Rivas. A xerente do SERGAS, que estendeu a negativa de incorporar esta categoría aos hospitais de Cee e Salnés, foi duramente criticada pola nacionalista que asegurou estar ante unha nova mostra de utilización das institucións para “intereses partidarios do Partido Popular”. Na Comisión de Sanidade, celebrada onte no Parlamento galego, onde se debateu unha pregunta da deputada do BNG, Ana Luísa Bouza sobre as previsións do Goberno para dar cumprimento á resolución aprobada para a creación da categoría de celador nos Hospitais do Barbanza, Salnés e Cee, afirmou que “o Bipartito fixo o esforzo para integrar os hospitais comarcais no SERGAS”, á diferenza do Partido popular ao que -dixo- gustaríalle seguir manténdoas como fundacións con traballadores en precarias condicións laborais. Trala resposta da xerente do SERGAS, Bouza asegurou que os Hospitais comarcais teñen dereito a reclamar as mesmas funcións que o resto dos centros hospitalarios do SERGAS e agora, vostede confirmamos -dixo- que non se vai crear a figura de celador do Hospital do Barbanza a pesar de ser aprobada esta medida no Parlamento galego. A portavoz de sanidade do BNG afirmou que “é unha tomadura de pelo á cidadanía” aprobar unha resolución que, ademais da creación das prazas de celadores incluía retomar a unidade de saúde mental e un programa específico de loita contra as listas de espera no Hospital do Barbanza para logo -dixo- “non cumprir con este compromiso”, actuación que cualificou de “deterioro democrático” que o PP quere introducir no Parlamento galego. Bouza concluíu a súa intervención asegurando que debe ser o goberno o que explique á cidadanía as verdadeiras razóns polas que impide a creación da figura de celadores nos hospitais do Barbanza, Salnés e Cee contradicindo unha votación “por unanimidade” no Parlamento galego en sentido contrario. Relacionadas:
Hospital: ampla mobilización contra a privatización da diálise
Hospital: ampla mobilización contra a privatización da diálise
Hospital: piden celadores e mándanlles policías
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario