14.7.11

Dodro: tivo lugar en Lestrobe un foro sobre o compromiso das empresas co galego

Foro_peinador_en_dodro

  • Anxo Lorenzo foi un dos participantes nos encontros do foro Enrique Peinador
  • A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora con esta entidade na extensión do uso do idioma no ámbito socioeconómico
  • Acordouse establecer o Día da Empresa en Galego e conmemorar os 20 anos do acordo do Consello Galego de Relacións Laborais para favorecer a utilización do idioma

Dodro, 14 de xullo de 2011.- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou onte no encontro Empresa e Identidade, que busca poñer en valor o compromiso das empresas coa lingua galega. O departamento da Xunta de Galicia colabora co Foro Enrique Peinador nesta iniciativa que se vén realizando periodicamente e na que se dan cita representantes de numerosas empresas que entenden o galego como un valor económico engadido e que están a incorporar o idioma á súa actividade.
Media_httpfarm4static_hivzc

Durante o encontro, que tivo lugar no Pazo de Lestrobe, acordáronse diversas iniciativas para favorecer a extensión do uso do galego no ámbito socioconómico. Por unha banda, está previsto que se estableza o Día da Empresa en Galego, no marco do cal se recoñecerá a excelencia empresarial e a investigación con aplicación na industria. Por outra banda, acordouse conmemorar o aniversario do acordo do Consello Galego de Relacións Laborais que instaba a empresarios e traballadores a utilizar a lingua galega e do que se cumpren agora 20 anos.

Ademais, acordouse cos reitores das tres universidades galegas, que tamén participaron no encontro, poñer en marcha actividades de formación sobre economía, identidade e lingua galega dirixidas a directivos e profesionais das empresas que operan en Galicia. Finalmente, aprobouse a incorporación de novas empresas ao Foro Enrique Peinador que xa amosaran o seu interese en contribuír cos obxectivos desta entidade.

Empresas comprometidas co galego

Os encontros Empresa e Identidade buscan poñer en valor o esforzo e o compromiso co galego das empresas de Galicia. É o caso de Factorías Vulcano, Celtic Estores, Grupo Academia Postal, Ingapán, Travibús, Fegatur, Progando, Grupo Pousadas de Compostela, Tuconsa, Egatel, Grupo Lantero, Itelsis ou Aceites Abril, que, a través dos seus representantes, veñen participando nos encontros Empresa e Identidade do Foro Enrique Peinador. Tamén asistiron ao encontro de hoxe representantes de Grupo R, de Sargadelos e da Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga), entre outros.

O socioeconómico, un sector prioritario

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co Foro Enrique Peinador para favorecer a progresiva incorporación da lingua galega no ámbito socioeconómico. Esta colaboración lévase a cabo a través do convenio que subscriben actualmente ambas as entidades e que ten como obxectivo prioritario incentivar o uso do galego no sector empresarial. Con este mesmo obxectivo, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén colaborando con outras entidades representativas neste campo, como son a Confederación de Empresarios de Galicia, a Federación de Autónomos de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostelala ou a empresa Vegalsa Eroski.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical