Ribeira, 1 de xullo de 2011. O río Arlés (tamén coñecido como Artés ou Sanchanás) foi obxecto no día de hoxe dunha ceiba de 5.000 alevíns de troita común. Esta iniciativa, promovida polo Concello, forma parte, segundo indicou o alcalde Manuel Ruiz Rivas, do plan de rexeneración ambiental dos ríos e o seu entorno que ten previsto acometer o Executivo Local nestes próximos catro anos.
Precisamente, o río Arlés é o cauce fluvial máis importante de cantos descorren polo termo municipal e que atravesa as parroquias de Oleiros, Artes e Olveira. A ceiba de hoxe tivo lugar en distintos puntos do mesmo, comezando polo situado no lugar de Lobeiras, na parte máis alta do río.
Os encargados de realizar a solta foron unha vintena de membros das asociacións de persoas con diversidade funcional Amicos e Ámbar pois, tal e como indicou o xefe de servizo provincial de Conservación de Natureza da Xunta de Galicia, Carlos Muñoz, esta acción ten como obxectivo non só contribuír á repoboación do entorno con especies autóctonas senón tamén como erixirse nun instrumento de educación ambiental.
Carlos Muñoz informou de que os alevíns de troita común que se soltaron son de carácter autóctono e foron producidos en piscifactorías propiedade da Xunta de Galicia.
Na acción tamén estiveron presentes representantes de Comunidades de Montes de Oleiros e Artes e da comunidade de augas de Corrubedo, así como a concelleira municipal de Medio Ambiente, Elvira Pereira.
Manuel Ruiz Rivas adiantou que no futuro vanse acometer outras accións de índole semellante para proseguir coa rexeneración ambiental dos cauces fluviais do municipio e o seu entorno.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario