16.9.11

Noia: o Concello recorre o prezo dunha parcela municipal na Barquiña ante o Xurado de Expropiación de Galicia

11091612470 (plano expropiación parcela municipal).pdf Download this file

  • O solar afectado ía destinado a construír unha escola infantil que a Xunta deixou nun caixón
  • O Concello pide máis de medio millón de euros fronte aos 126.000 que quere pagar a Xunta


Cando remate a variante de Noia, a paisaxe da Barquiña variará moito

Noia, 16 de setembro de 2011. Como consecuencia das obras de construción da estrada variante de poboación, a parcela de titularidade municipal situada no lugar dos Carballiños-A Barquiña, ficou completamente afectada polo trazado da mesma. A parcela en cuestión conta cunha superficie de 1.553 metros cadrados, sendo o destino da mesma, a nivel urbanístico, o da construción de equipamentos colectivos. No mandato pasado, o Concello de Noia iniciara os trámites para construir no lugar a escola infantil, unha Galescola -agora Galiña Azul- que pasou a "mellor vida" ante o cambio de goberno na Xunta.

As discrepancias manifestadas polo Concello diante da Consellería e do Xurado de Expropiación van en duas direccións, segundo explica o concelleiro nacionalista encargado do departamento de Urbanismo, Bieito González: "A primeira, fai referencia ao xusto prezo ofertado pola administración galega e a segunda, á petición de expropiación da totalidade da parcela en contra da proposta inicial que contemplaba só, a expropiación de 973 metros cuadrados, deixando os 580 metros restantes en poder do Concello, pero que xa non tería utilidade algunha xa que ficarían afectados pola franxa de servidume de protección da futura estrada", aclara.

O prezo ofertado para expropiación de 123,59 €/metro cadrado está "absolutamente desfasado e non argumentado", argumenta Bieito González, e pola súa parte o Concello esixe un valor de 358,27 €/metro cadrado. Iso fai que a Xunta de Galicia só ofreza polas parcelas expropiadas 126.489,56 euros, mentres que o Concello de Noia "na valoración máis prudente" calcula o valor da parcela total en 553.365,92 euros. 

O Concello de Noia, con criterios de prudencia e no ánimo de manter unha correcta colaboración entre administracións asumiu o máis baixo dos criterios dos que dispuña para valorar a finca, "non tentando lucrarse da expropiación", asegura o nacionalista que dirixe a concellería de Urbanismo. A administración municipal baseouse para acadar o valor de 358,37 €/metro cadrado na valoración feita na Xunta de Compensación cando se desenvolveu a Unidade de Actuación nº11. Outros valores moi superiores saían calculalo en base ao convenio urbanístico do Eroski nesa unidade de  actuación onde o Concello vendeu o metro cadrado a 420 euros daquela data, ou calculando a repercusión da urbanización pola edificabilidade total saen cantidades superiores, ou incluso das expropiacións feitas polo Concello na mesma unidade de actuación tamén sairían datos superiores na valoración. 

O Concello de Noia reitera que "está pola colaboración entre administracións, e dada a prudencia nas actuacións municipais non é doado entender a negativa da Xunta de Galicia a atender as demandas plantexadas, tanto no relativo á expropiación total da finca como á valoración que do xusto prezo fan", remata Bieito González.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical