- Prometen 60 horas ininterrompidas para partillar arquivos e coñecementos sobre informática, ademais de xogar en rede
- Só 55 prazas, ollo! Hai que preinscribirse en uxianet.com. Ata se pode durmir dentro, pero só hai 50 liteiras
Ribeira, 16 de setembro de 2011.- A casa da Xuventude de Ribeira iniciará -e agardamos que non haxa marcha atrás, como outras veces- no mes de outubro a súa andadura pública, e vaino facer coa segunda edición da lan party Uxíanet 1.1, unha actividade na que os anotados poderán partillar arquivos a maior velocidade que á que lle deixan na súa casa as operadoras oligopólicas deste país e coñecementos sobre informática e novas tecnoloxías.
Para falar desta convocatoria, déronse cita a concelleira de Xuventude e Igualdade do Concello, Aroa Fernández; o técnico municipal Mario Vidal; e Adrián Lorenzo e Fernando Ferro no nome de PHP Software Factory, que se encarga da coordinación técnica da actividade.
Uxíanet 1.1 terá lugar durante case 60 horas ininterrompidas: dende as 10 horas do venres 14 de outubro ata en torno ás 18 ou 19 horas do domingo 16. Hai 55 prazas convocadas e os interesados poden facer a súa preinscrición na páxina web www.uxianet.com.
Esta festa informática está dividida en dúas áreas diferenciadas: por unha parte será intranet, é dicir, a zona na que as persoas anotadas disporán dunha alta velocidade de conexión para compartir arquivos ou xogar en rede a través dos seus ordenadores, entre moitas outras posibilidades; e por outra parte haberá un espazo de libre acceso denominado extranet no que terán lugar charlas sobre tecnoloxía e informática, unha exposición sobre a historia da informática, etc... O programa definitivo será dado a coñecer proximamente.
Con esta actividade vanse aproveitar "ao completo" as instalacións da Casa da Xuventude, ata o punto de que os participantes teñen a oportunidade de durmir no sector do inmoble dedicado a albergue (dispón de 50 liteiras).
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario