14.9.11

Ribeira: abren as novas dependencias de Servizos Sociais, que o alcalde louva como "modélicas"

  • Ruiz Rivas sinala que se busca unha mellor atención dos usuarios
  • Anunciou ademais que se van incrementar os fondos orzamentarios deste departamento

Ribeira, 14 de setembro de 2011.- As novas dependencias dos Servizos Sociais, situadas na Praza 8 de Marzo de Santa Uxía, xa están operativas e teñen as súas portas abertas para recibir a cantas persoas precisen da atención desta importante Área Municipal. O alcalde Manuel Ruiz Rivas, acompañado do concelleiro Vicente Mariño de Bricio, visitou hoxe as novas instalacións, onde foron ambos recibidos pola xefa do Departamento, María Francisca Vidal Regueira e o resto de persoal, para percorrer estas novas oficinas, que contan cunha superficie de 581 metros cadrados útiles: 403 pertencentes aos Servizos Sociais propiamente ditos e 178 ao CIM (Centro de Información da Muller) co que o antedito local está conectado. 

Ruiz Rivas loou e agradeceu o “grandísimo traballo” realizado por todos os profesionais que prestan o seu servizo nesta Área Municipal e cualificou de “modélicas” estas novas instalacións, que facilitarán unha mellor atención ao público. Así mesmo, o rexedor riveirense avanzou que dende o Concello se seguirá mellorando o novo local con máis equipamentos e mobiliario e anunciou que se incrementarán os fondos destinados aos usuarios deste Departamento, “que son as persoas que máis o necesitan”. 

Mercado municipal

Por outra parte, Manuel Ruiz aproveitou para informar de que este traslado dende as antigas instalacións situadas na rúa Correos permitirá á súa vez que en moi poucas datas se poda mudar a estas instalacións os sindicatos e os servizos agrarios que traballan na praza de abastos. Deste xeito podería ser unha realidade incluso este mesmo ano o derrubo do actual mercado para proceder a construción do novo. 

O Departamento de Servizos Sociais está distribuído nun espazo de recepción/administración, 11 despachos de técnicos, dúas salas de espera para usuarios, una sala de xuntas unha sala para equipamento informático, un office, un carto da limpeza, un almacén, dous arquivos, dous baños públicos e dous baños para persoal. 

Polo que respecta ao CIM, dispón dun recibidor, tres despachos, dúas aulas, unha sala de espera, dous baños, un carto da limpeza e un arquivo. 

Dez traballadores prestan o seu labor nas novas dependencias: oito en Servizos Sociais e dous no CIM. 

Entre as súas funcións figuran a de dar información, orientación e asesoramento (3.057 persoas se beneficiaron de xeito directo no 2010 deste concepto), o servizo de axuda no fogar (con atención a 77 unidades familiares), o programa de educación familiar (cun volume de 197 usuarios, 65 deles menores de idade), o proxecto de axudas á escolaridade (29 beneficiarios), prevención e inserción social (con 153 persoas ás que se lle cubriron necesidades básicas e outros casos de aloxamento con carácter de urxencia), acollida e integración de inmigrantes e emigrantes retornados (275 persoas atendidas), programas de dinamización e animación sociocomunitaria para maiores e un longo etcétera.

Antes, en Certo:


Centro de Alzheimer: aniversario


Sálvora C.F.: continúa a escola de fútbol este curso 2011-2012


Aguiño: os da AFLM, encantados co novo párroco nomeado


Cambio dos sindicatos: principio de acordo, disque


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical