- A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo, supervisou o resultado dos traballos acompañada polos alcaldes de ambos municipios
- As subvencións destináronse á construción dun novo edificio administrativo para albergar oficinas municipais en Rianxo, e na rehabilitación e reorganización das dependencias da casa do concello de Outes
- Do Campo aproveitou a visita a estes municipios para manter un encontro de traballo co rexedor de Outes, Carlos López Crespo, e coñecer de primeira man as necesidades do concello
Rianxo e Outes, 11 de outubro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, asinou esta mañá os documentos de conformidade para a concesión das subvencións destinadas ás obras de reforma levadas a cabo nas casas consistoriais de Rianxo e Outes. Estas actuacións foron cofinanciadas pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas. En total, o Goberno galego destinou 705.000 euros aos dous proxectos.
Do Campo desprazouse en primeiro lugar ao Concello de Rianxo, onde foi recibida polo alcalde, Adolfo Muíños. A máxima representante do Executivo autonómico supervisou o resultado da actuación, na que a Xunta investiu 255.000 euros, repartidos en catro anualidades. As obras consistiron na construción dun novo edificio administrativo para trasladar varias oficinas municipais debido a falta de espazo detectada na casa consistorial. Ambos inmobles conectáronse a través dun corredor interior, o que tamén permitiu mellorar as condicións de accesibilidade coa instalación dun ascensor.
A delegada territorial tamén se trasladou a Outes. Alí, o proxecto contemplou a renovación das instalacións respectando as antigas fachadas e recuperando un antigo semisoto, o que permitiu duplicar a capacidade do edificio.
A esta acción o Executivo autonómico dedicou 450.000 euros, co obxectivo de protexer o patrimonio arquitectónico da vila á vez que se satisfacían as necesidades do municipio en canto a espazo e modernización dos servizos.
Visita institucional
Casa do Concello de Outes
A delegada aproveitou a súa estancia na localidade para manter un encontro de traballo co rexedor, Carlos López Crespo, e coñecer de primeira man as necesidades dos veciños. O alcalde trasladoulle as demandas do concello, mentres que Do Campo ofreceuse a estudialas e a traballar de maneira intensa para satisfacelas no menor prazo de tempo posible.
No transcurso da reunión, a máxima representante do Goberno galego na provincia destacou o compromiso da Xunta coa creación de emprego e lembrou que o Concello de Outes conta este ano cunha subvención de preto de 192.500 euros para a contratación de 18 persoas desempregadas para a realización de obras e servizos de interese social. A totalidade dos contratos son a xornada completa.
Trátase dos fondos achegados pola Consellería de Traballo e Benestar aos concellos a través do Plan de Cooperación, que este ano incrementou a partida para Outes en máis de 66.600 euros.
A desta mañá foi unha visita institucional enmarcada na rolda de contactos iniciada pola delegada da Xunta na Coruña dende que tomou posesión do seu cargo, momento no que se comprometeu a visitar os 94 municipios da provincia. Do Campo trasladoulle ao rexedor “todo o apoio, diálogo e cooperación do Goberno autonómico para traballar de xeito coordinado á hora de satisfacer as demandas dos veciños”.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario