30.11.11

Ribeira: "Renacer" celebra este xoves o Día Mundial da Sida con mesas informativas

Media_httpfarm5static_cuhjn

A importancia do sexo con protección será lembrada este xoves

Ribeira, 30 de novembro de 2011. A Asociación Renacer informa de que mañá xoves, 1 de decembro, con motivo da celebración do Día Mundial da SIDA levará a cabo unha serie de actos informativos dirixidos á poboación en xeral e aos mozos/as en particular, tentando concienciar acerca da importancia da prevención na loita contra a sida e a de involucrarse na súa detención.

Actividades:

- Mesas informativas no tres institutos de Ribeira, na hora do recreo, para repartir entre rapaces/as, lazos, información e preservativos tentando concienciarlles da importancia de previr. Ademais no IES Nª 1 para achegar tamén a información ás persoas que acoden á ensinaza de adultosás seis e media da tarde impartirase unha charla sobre sexualidade e sida e posteriormente colocarase outra mesa informativa (sobre o oito da tarde).

- No resto de centros de secundaria que o solicitaron tamén se distribuirá material para continuar co labor de concienciación.

- Na rúa tamén se colocará unha mesa informativa para achegar a información á poboación xeral. Esta colocarase na rúa peonil do concello en horario de mañá.

Estas actividades terán continuidade ao longo das próximas semanas a través de diversos talleres de sexo seguro, que se desenvolverán cos mozos nos centros de ensino, tentando ademais previr embarazos non desexados e outras infección de transmisión sexual.

Obxectivos

Cada 1 de decembro, Día Mundial de Loita Contra a SIDA, persoas de todo o mundo suman esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar solidariedade internacional ante a pandemia. Este evento brinda a todos os/as copartícipes, tanto públicos como privados, unha das máis oportunidades máis claras para dar a coñecer a situación e impulsar avances en materia de prevención, tratamento e atención aos afectados/as nos países con elevada prevalencia e tamén no resto do mundo.

A Asociación Renacer levará a cabo unha serie de actos informativos o vindeiro 1 de decembro. Estes actos están dirixidos á poboación en xeral e a mocidade en particular, tentando concienciar acerca da importancia da prevención na loita contra a SIDA e a de involucrarse na súa detección precoz.

Instaláranse diversas mesas informativas na rúa peonil do concello e nos tres institutos de ensinanza secundaria, nas que se repartirán lazos vermellos, material informativo e preservativos. Ademais no IES Nº 1 para achegar tamén a información ás persoas que acoden á ensinanza de adultos en horario de tarde impartirase unha charla sobre sexualidade e SIDA, trala que se colocará outra mesa informativa. Estas actividades englobánse no programa de prevención do VIH-SIDA e outras ITS da Asociacion Renacer e complementan a labor que se está a levar a cabo cos mozos e mozas nos centros de ensino secundario a través de diversos obradoiros de Educación Afectivo-Sexual e Sexo Seguro.

Manifesto do Día Mundial da SIDA 2011

30 anos de logos  /  30 anos de retos

Cumpríronse trinta anos desde que se produciron os primeiros diagnósticos de SIDA no mundo. Durante este tempo realizáronse grandes avances no coñecemento e tratamento da infección, pero aínda temos retos pendentes en relación coa prevención, o diagnóstico precoz, a vacina, a cronicidade e a abordaxe social.

Logros

Sabemos que a infección polo VIH pódese transmitir por manter relacións sexuais de risco, por compartir un obxecto punzante que estivese en contacto con sangue infectado, ou tamén durante o embarazo, o parto ou a lactación, se a nai é seropositiva.

Sabemos que non se transmite por bicos, caricias, bágoas, suor, saliva, ou por compartir obxectos comúns.

Sabemos que se pode previr cando se adoptan prácticas sexuais seguras e se evita o uso compartido de xiringas e agullas no caso do consumo de drogas.

Sabemos que se pode detectar cunha análise específica, voluntaria e confidencial. A proba realízase nos centros sanitarios e nalgunhas entidades colaboradoras.

Dispoñemos de tratamentos antirretrovirais que melloran a calidade de vida das persoas infectadas, aumentan a súa supervivencia e reducen o risco de transmisión do virus.

Coñecemos a importancia do apoio ás persoas infectadas polo VIH, que é primordial para unha abordaxe integral da epidemia.

Retos

Á falta dun tratamento ou dunha vacina, a prevención segue a ser o elemento máis importante e eficaz. Hai que intensificar a promoción do uso do sexo seguro e seguir traballando na procura de vacinas e métodos que reduzan ou eliminen o VIH do organismo.

En España calcúlase que hai entre 120.000 e 150.000 persoas co VIH e que un terzo delas o descoñece. Polo tanto, poden transmitir a infección e non beneficiarse do tratamento. Evitar o atraso no diagnóstico continua sendo un importante reto.

As persoas infectadas polo VIH están sometidas ao dano producido pola infección, aos efectos secundarios dos tratamentos e a outras infeccións crónicas. Así pois, é necesaria unha abordaxe integral e multidisciplinar que contemple a cronicidade e que inclúa aspectos médicos, psicolóxicos e sociais.

A sociedade civil e as administracións deben seguir colaborando para acadar os retos pendentes e procurar a participación conxunta no desenvolvemento das políticas sociais.

Aínda se producen situacións de discriminación cara ás persoas que viven co VIH, polo que hai que seguir adoptando medidas para evitala.

 

Aínda que o número de novas infeccións anuais está estabilizado actualmente, segue aumentando o número de persoas que viven co VIH; por este motivo, investir o curso da epidemia é un reto de saúde pública que require a implicación de toda a sociedade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical