27.11.11

Ribeira: o presidente da Xunta entregou o Grelo de Ouro ao presidente de Frinsa

Ribeira, 27 de novembro de 2011. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte ao mediodía, na entrega do XXV Grelo de Ouro, a relevancia desta cerimonia e afirmou que actos coma este poñen de manifesto que, “en medio dese mar de dificultades”, en Galicia hai persoas resoltas, “en todos os sectores sociais e no empresariado galego”. “Os problemas que nos desacougan –dixo- requiren respostas novas, que non admiten marxe de error. E as medidas que se poidan adoptar serán ineficaces se non hai persoas resoltas”.

Deste xeito, Feijóo referiuse ao premiado, Ramiro Carregal, presidente de Frinsa del Noroeste S.A.. “Don Ramiro –destacou- sempre se reinventa. De cada reto sae un novo Carregal que se impón aos hándicaps sen perder nunca a súa elegancia indumentaria e persoal. O de don Ramiro é unha viaxe sen pausa ao optimismo, cunha equipaxe que non varía, o traballo”.

“Carregal descobre a enerxía que atesoura o optimismo, antes de que outros a plasmaran nunha teoría; e, tamén, se anticipa a un fenómeno que os especialistas están chamando glocalización. A síntese entre o local e o global está presente en todas as empresas de Ramiro. Portugal, Bélxica, Bolivia, África. Percorre o mundo enchoupándose de costumes e culturas cando iso aínda non se estilaba. Comprende a diversidade e albisca que o mundo do futuro estará feito de interconexións”.

Segundo o presidente da Xunta, dalgún xeito, Ramiro Carregal anticipa a Galicia que queremos, “unha Galicia arbórea coas raíces na tradición e as polas dispostas a recibir a innovación e o progreso. Adiántase ao tipo de empresa que predican hoxe con insistencia os expertos, afincada en valores locais pero aberta á globalización”.

Feijóo concluíu subliñando que este empresario é non soamente un pioneiro do frío industrial e da comercialización de túnidos conxelados. “Non é soamente o creador hai cincuenta anos dunha empresa frutífera. Na súa peripecia vital vese o mellor libro de autoaxuda colectiva, un libro que ensina a non renderse e a confiar nas propias forzas”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical