Ribeira, 28 de Nadal de 2011. O presidente da asociación cultural "Francisco Lorenzo Mariño", o técnico de Cultura municipal Unai González, informa hoxe de que o vindeiro sábado, 31 de decembro, porase en marcha un novo servizo para o pobo de Aguiño. "Trátase da Biblioteca Popular de Aguiño, denominada "Aula das Letras Francisco Lorenzo Mariño", e funcionará como unha pequena biblioteca onde as socias e socios da entidade en particular, e usuarios das instalacións parroquiais e veciñanza en xeral terán a posibilidade de consultar e levar ao seu domicilio mediante préstamo, distintas publicacións, así como algún dvd e cd".
Medio milleiro de volumes
Os fondos que teñen ata agora son mais de médio milleiro de temática variada, dende historia, teatro, poesia, fotografia, pintura ata enciclopédias, relixión ou infantis... na súa maioría recibidos mediante donacións de distintas institucións entre as que destacan o Concello de Ribeira a través das súas áreas de Cultura e Educación, o Ministério de Cultura e a Biblioteca Nacional, o Arquivo do Reino de Galicia, a Universidade de Vigo, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, a Biblioteca de Pontevedra ou a Biblioteca Municipal do Estado de Ourense, entre outras. Tamén hai exemplares asinados polo seu autor como é o caso de Torres Queiruga, Chao Rego, Dourado Deira, Plácido Betanzos, Ventoso Mariño, Erolo, etc.
Agradecementos
"Queremos agradecer a colaboración da Parroquia de Aguiño e do seu párroco, David Mohedano póla colaboración mostrada para facer realidade esta instalación deixándonos o Local Parroquial; tamén a colaboración da Deputación da Coruña que nos concedeu unha subvención para mobiliário. A Biblioteca ten varias estanterías abertas e tres acristaladas para os volumes de maior valor, tamén contamos cunha pequena oficina para a asociación onde poden verse enmarcadas as cartas que enviaron importantes persoeiros como o Rei Juan Carlos, o Papa, Benedicto XVI, Nuñez Feijoo, Roberto Varela, Zapatero sendo Presidente do Goberno, etc", explica Unai González.
O acto de inauguración será o vindeiro SÁBADO 31 DE DECEMBRO ÁS 12:00 H cunha función de monicreques para xente de todas as idades pero en especial para nenas/os, durará unha hora, e titúlase “CONTO CLÁSICO DE NADAL”. Con este acto quedará oficialmente aberta a biblioteca e xa definirán o horario.
Lambetadas e carteiro real
No acto tamén se repartirán lambetadas e está prevista a visita do Carteiro Real -o dos Reis Magos, este non cobra da casa real dos Borbóns-. Dende a asociación continúan abertos á achega de fondos bibliográficos de calquera institución ou persoa que queira donalos, polo que poden facelo poñéndose en contacto con eles no correo electrónico aflm.aguinho@gmail.com, ou envialos a R/ Mestre Xosé Sans, 21, 15965, Aguiño, Riveira, A Coruña.
Un libro viaxeiro
Unai González aproveitou este convite á inauguración para subliñar que "o libro publicado pola nosa entidade “Aguiño, 50 anos de parroquia” forma xa parte das Bibliotecas Nacionais de Bos Aires (Arxentina), Lisboa (Portugal), Washintong (USA), Vaticano ou Madrid e recentemente agasallamos con el a Frinsa e Ramiro Carregal con motivo do 50 Aniversario desta empresa senlleira en Ribeira, e seguimos a envialo a outros arquivos e bibliotecas do mundo".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario