A REVISTA GALEGA DE EDUCACIÓN CUMPRE 25 ANOS
§ A publicación foi presentada en Boiro este xoves 16 de febreiro, nun acto organizado por Nova Escola Galega e celebrado no Centro Social.
§ A RGE, editada por NOVA ESCOLA GALEGA, celebra a efeméride co seu número 50, recompilatorio do seu cuarto de século de vida.
§ Con dúas épocas diferenciadas, a Revista Galega de Educación segue cumprindo o seu papel como publicación independente que pula pola consecución dun sistema educativo galego, público, laico e democrático.
§ Trátase, cando os medios de comunicación galegos viven un momento crítico, dunha publicación especializada caracterizada pola súa independencia e pluralidade.
§ De xeito practicamente paralelo ao seu número 50, conmemorativo do seu aniversario, acaba de ver a luz o número 51, que ten como tema central os xoguetes tradicionais.
§ O patrimonio lúdico galego é abordado no número 51 da publicación desde diferentes ópticas, e conta coa colaboración de especialistas bretóns, aragoneses, cataláns, valencianos e portugueses, ademais dos galegos.
Boiro, 17 de febreiro de 2012.
A REVISTA GALEGA DE EDUCACIÓN, publicación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA, acaba de cumprir os seus primeiros 25 anos de vida. Para conmemoralo, a RGE vén de editar o seu número 50, un número recompilatorio do seu primeiro cuarto de século de existencia. Nel pode atoparse un baleirado dos artigos incluídos nos corenta e nove números precedentes, actualizando deste xeito os recursos que a propia publicación ofrece aos profesionais da educación. Paralelamente, o número conmemorativo inclúe unha pequena antoloxía de traballos publicados no seu día e que conservan toda a súa actualidade.
De maneira practicamente simultánea, a RGE acaba de sacar á rúa o seu número 51, centrado na súa parte monográfica nos xoguetes tradicionais e a na súa utilidade educativa nos tempos de hoxe. No número inclúense colaboracións de especialistas galegos do talle de Xosé López e Xosé Manuel García (coordinadores do monográfico e investigadores recoñecidos sobre a materia) ou de Antón Cortizas, pero tamén de especialistas bretóns, portugueses, valencianos, cataláns e aragoneses. O número sae á luz xustamente nun momento no que as iniciativas de recuperación do patrimonio lúdico galego son numerosas, por unha parte, e razoablemente vigorosas, por outra, consonte co que está sucedendo na contorna europea próxima.
Boiro foi escollido como lugar dentro dunha rolda de actos de presentacións que se van desenvolver por todo Galicia e que se van anunciando na páxina web da asociación: www.nova-escola-galega.org, onde tamén aparece toda a información sobre a publicación.
No acto interviñeron Susana Couso, membra do secretariado nacional de Nova Escola Galega, Paco Veiga, tamén membro do secretariado e do Consello de Redacción da revista e Manuel González, membro do Consello de Redacción.
Web de referencia: www.nova-escola-galega.org
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario