29.2.12

Noia: abren expediente a un solar con blasóns na rúa Corredoira para que os donos eviten que prosiga a súa ruína

  • É un edificio de factura nobre, datado entre os séculos XVII e XVIII, no entorno da Ponte do Traba
  • O seu último uso foi como curtidoría, ao estar ao pé e ser lambido polas orelas do río Traba

Media_httpfarm4static_gidga

Detalle dun dos escudos que embelecen o inmoble

Noia, 29 de febreiro de 2012. A Concellería de Casco Histórico, que dirixe o nacionalista Bieito González, vén de comezar o expediente destinado ao restablecemento das condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e ornato público do inmoble número 70 da rúa Corredoira de Luis Cadarso. 

Do informe emitido no seu día pola Policía Local extráese o seguinte parágrafo: “O inmoble presenta un deterioro continuado que o levou a un estado ruinoso. Incluso unha das esquinas presenta fendas de dimensións considerables, con risco de caída sobre a rúa e posibles consecuencias para os peóns. O tellado está totalmente caído, quedando somente unhas tellas do aleiro tamén con risco de caída sobre a rúa. O interior atópase cheo de maleza, presentando unhas condicións hixiénico-sanitarias moi deficientes, con proliferación de alimañas que afectan aos edificios lindeiros”

Edificación singular

Trátase dunha edificación singular, que data dos séculos XVII-XVIII, deteriorada tanto na súa morfoloxía como na súa imaxe urbana, con medianeira de gran altura sobre o lindeiro. A fachada principal é de cantería con portada en arco de medio punto e escudos de armas tallados no frente e esquinal. O último uso foi como fábrica de curtidos nas primeiras épocas da actividade industrial de Noia, con interés de conservación tanto histórico-arquitectónico como etnográfico. 

O Concello, interesado en adquirilo para ornar o futuro paseo de ribeira do Traba

O Plan Especial do Casco Vello establece para este inmoble a posibilidade de adquisición pública do mesmo, así como tamén da parcela adxacente, situada ao norte da Ponte de Traba, que forma parte do entorno monumental do mesmo, conformando un ámbito espacial definido cuxa recuperación considérase prioritaria para o futuro paseo de ribeira. 

O expediente aberto ten por obxeto que a propiedade leve a cabo a limpeza do inmoble, tanto exterior como interior, así como se tomen as medidas necesarias para asegurar a correcta conservación dos restos do mesmo que seguen en pé co gallo de evitar que o estado de ruína siga avanzando.

Intervencións puntuais PEPRICH.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical