29.2.12

Ribeira: chega unha zona azul provisional á avenida do Malecón

Zona_azul_malecn

  • Haberá 23 prazas onde os automobilistas poderán aparcar de balde pero só un máximo de hora e media
  • Se funciona esta medida, que comeza a vindeira semana e que custará 80.000 euros, o Concello vaina estender neste céntrico paseo da cidade 
  • Hai outras zonas azuis na cidade, controladas por gps dende a policía local, onde as dúas primeiras horas son gratis e, se o usuario se pasa, é multado

Ribeira, 29 de febreiro de 2012.- Un tramo da avenida do Malecón de Ribeira contará a partir da próxima semana con 23 prazas de aparcamento de zona azul. Ademais, outra das medidas dirixidas á regulación e ordenación do tráfico no paseo citado é a inmediata saída a concurso da contratación de semáforos que con carácter definitivo suplantarán aos provisionais existentes, aumentando o número de puntos semafóricos que serán instalados. 

Polo que respecta á  zona azul, operarios estiveron a sinalizar no transcurso desta mañá o tramo obxecto de actuación, que comprende dende a altura en que está situado o portal número 32 (é dicir, fronte a onde está localizada a tenda Vodafone) ata o cruce do Malecón con Rosalía de Castro, unicamente na liña pegada ás edificacións que integran a fachada marítima.  

O próximo venres está  previsto proceder ao pintado das liñas e que o luns entre en funcionamento. Non obstante, durante toda a semana que vén non se sancionará aos infractores a fin de deixar marxe de tempo suficiente para que os condutores coñezan e se conciencien sobre esta novidade. 

De comprobarse a eficacia da iniciativa, non se descarta ampliar a zona azul ao tramo do Malecón que vai parte de Rosalía de Castro en dirección ao palco de pedra, actuando tamén unicamente na liña de casas da fachada marítima. 

Ademais das 23 prazas indicadas, se habilitarán no mesmo tramo dúas prazas de minusválidos, outras dúas prazas reservadas ao Centro de Día de Alzhéimer, unha zona de carga e descarga e outra de contedores. 

A mecánica de funcionamento será semellante a das outras partes da cidade con zona azul (praza de Portugal situada detrás do Auditorio e rúa Mariño de Rivera). É dicir, os condutores non terán que pagar por aparcar os seus vehículos, pero disporán dun tempo máximo de estacionamento dunha hora e media ininterrompida. A zona azul funciona en días laborais, de luns a venres de 9 a 14 e de 16 a 20 horas e os sábados de 9 a 14. 

Semáforos definitivos

Tamén en relación  á regulación da circulación na avenida do Malecón, cómpre destacar que os servizos de Contratación do Concello están a ultimar a saída a concurso público da contratación de semáforos que, con carácter definitivo, serán instalados na avenida do Malecón. 

Esta actuación conta cun orzamento de 80.800 euros. Ademais de substituír os xa existentes, está prevista a instalación a maiores de puntos de semáforos definitivos no paso de peóns situado á altura do xa referido portal número 32 (en ambos sentidos da circulación) e diante da oficina de turismo do Malecón na vía pegada á liña de edificacións (a máis próxima á zona portuaria xa dispón destes elementos de sinalización). 

Hai que recordar que os semáforos definitivos levarán incorporados dispositivos acústicos para invidentes.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical