- A representación de "Trotamundo y el Rey", de acceso libre, terá lugar no Auditorio Municipal ás 20 horas
- O xefe de servizo da Unidade de Drogodependencias e o concelleiro de Servizos Sociais, moi satisfeitos cos resultados desta iniciativa novidosa
Ribeira, 8 de marzo de 2012.- O Servizo de Drodependencias, a través do Plan Comunitario Municipal, estivo a desenvolver durante estes cinco meses (dende outubro de 2011 ata marzo de 2012) un Programa de Reforzo Comunitario dirixido ás persoas en situación de exclusión social que estivesen incluídas nalgún programa de tratamento da Unidade Asistencial de Drogodependencias, co obxectivo xeral de motivar un cambio no seu estilo de vida, reforzando e incentivando a súa conduta e hábitos positivos, reducindo os negativos, mitigando a autoimaxe arraigada de drogodependente, e reforzando o seu contexto social.
Este novidoso programa consistiu na impartición de dous Obradoiros: “Actividades de Vida Diaria” e “Teatro Social”, e como incentivos reforzadores tiveron lugar os talleres de alimentación, vestimenta e perruquería.
O concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social de Ribeira, Vicente Mariño; o xefe de servizo da Unidade Asistencial de Drogodependencias, Jesús Cartelle; e a traballadora social do Servizo de Drogodependencias e coordinadora do proxecto, Eva Fontaíña, compareceron hoxe en rolda de prensa para facer balance dos resultados desta acción, que cualificaron de totalmente satisfactorios.
“Todos os participantes melloraron en hábitos de hixiene, alimenticios, respecto á Comunidade, asunción de normas, participación social, redución de condutas de risco, máis control do consumo de sustancias e todos están incluídos en algún proxecto de inclusión social”, salientou o edil municipal, quen manifestou tamén que o programa teña continuidade con novas accións.
Pola súa parte, Jesús Cartelle manifestou que están “plenamente satisfeitos non só desde o punto de vista profesional senón porque a convivencia diaria con estas persoas nos deu a entender que isto foi moi importante para eles”.
O Obradoiro de Teatro Social, no que participaron unha quincena de persoas, foi impartido polo educador Alejandro Sarmiento González, pertencente á empresa Breogán Xestión. Utilizando unha metodoloxía de dinámica grupal, o teatro foi o vehículo para mellorar as súas habilidades sociais, autoestima e coñecemento persoal e hábitos saudables. Este Obradoiro finalizará o martes, día 23, ás 20 horas, coa representación dun espectáculo no Auditorio Municipal de Ribeira, de 30 minutos aproximadamente de duración, que comprenderá os seguintes contidos: obra teatral “Trotamundo y el Rey”, tres sketch de Roll-Playing e unha danza-teatro sobre Drogas”. O acceso é libre.
Vicente Mariño, Jesús Cartelle e Eva Fontaíña quixeron aproveitar a ocasión para animar a todos os cidadáns a compartir o dun traballo feito a base de dedicación, esforzo e moita ilusión.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario