19.5.12

A Pobra do Caramiñal: o Concello, gobernado polo PP, posiciónase a prol do castelán con Galicia Bilingüe, denuncia o Psoe

Vosotros
Páxina onde sae a publicidade dos concellos. Na outra páxina "Puebla" repetidas veces

A Pobra do Caramiñal, 19 de maio de 2012. A asociación sen ánimo de lucro “Galicia Bilingüe”, que se autodefine como “apartidista e independiente” vén de presentar recentemente en Vigo unha revista de vintecinco páxinas á que denominan “Vosotros” (dispoñible en dúas versións, unha en castelán e outra en castelán e galego na páxina www.galiciabilingue.es) na cal o Concello da Pobra comparte co de Ribeira –ambos gobernados polo PP- unha páxina completa a toda cor anunciando a súa marca turística… en castelán, vén de denunciar a portavoz do Psoe da Pobra, Teresa García Guillán.

"En ambas versións, castelán e “bilingüe”, o Concello da Pobra anúnciase institucionalmente en castelán, posicionándose dentro desa suposta liberdade de elección do idioma que di defender “Galicia Bilingüe” a favor do castelán, utilizando o medio de expresión desa asociación como plataforma para a definición da preferencia política do Sr. Maceiras", sinala a concelleira socialista pobrense.

A revista, que debe ser o vehículo de expresión do que o colectivo que a edita entende por "pluralismo lingüístico", repite na súa curta estensión o topónimo castelanizado “PUEBLA DEL CARAMIÑAL” -ou abreviado como “PUEBLA” ou “LA PUEBLA”- en máis dunha ducia de ocasións, "sen que ao Sr. Maceiras lle trema o pulso á hora de asociar a imaxe da vila co perfil editorial da publicación, a pesar da utilización impropia e reiterada do nome do concello, sen amosar respecto algún polos graves sucesos producidos nos anos oitenta e noventa en torno ao emprego ilegal do topónimo histórico castelanizado", apunta Guillán en nota de prensa.

Unha parodia da revista "Nós"

"Os Socialistas da Pobra consideramos desafortunado que o Concello da Pobra vincule a súa imaxe turística cunha revista de marcado corte ideolóxico -cuxo nome é unha parodia do da revista "Nós", referente do galeguismo-, no que constitúe unha clara vontade política do PP de sufragar correntes de opinión afíns con miras pre-electorais, asumindo gastos de difícil xustificación nun contexto de desmantelamento sistemático dos servizos públicos, e lamentamos o uso partidista do idioma como manobra de distracción sobre os duros recortes nos niveis máis esenciais dos dereitos básicos, abrindo sen pudor vellas feridas tocante ao topónimo do Concello con manifesto desprezo da paz social conseguida arredor do topónimo oficial, que como Alcalde debera defender", remata a nota dos socialistas pobrenses.

Pode que tamén lle interese:



 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical