11.5.12

Ribeira: nova directiva para adaptar o regulamento de Protección Civil á realidade actual

  • Máis de trinta voluntarios estiveron co alcalde no Concello onte
  • Vaise renovar nun futuro próximo a directiva desta entidade
  • O Grumir vai contratar 15 persoas máis

 

 

Ribeira, 11 de maio de 2012.- O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu onte a última hora da tarde unha recepción polo alcalde dos membros que integran a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribeira, nun acto que serviu para dar a coñecer á xunta directiva provisional desta institución, que foi constituída cun dobre cometido: por unha parte, elaborar un novo regulamento de funcionamento que someter ao Pleno que se adapte á realidade actual tanto dende o punto de vista lexislativo como operativo; e por outra, constituír -unha vez estea vixente ese regulamento- unha nova asemblea que propoña á súa vez ás persoas que integren a directiva da entidade.

 

Máis dunha trintena de voluntarios déronse cita no salón plenario, onde Manuel Ruiz Rivas loou o servizo inestimable que, dende hai moitos anos, vén prestando esta agrupación á sociedade ribeirense de forma desinteresada: unha opinión na que abondou o concelleiro de Seguridade e Mobilidade Cidadá, Víctor Reiriz Lampón, quen salientou que Protección Civil comprende dende rapaces ilusionados de 15 ou 16 anos ata xente “superprofesional”, como é o caso das persoas que integran o grupo de buceo ou as que loitan contra o lume.

 

O rexedor explicou á audiencia que a designación dunha directiva provisional está motivada polo feito de que o regulamento da agrupación está obsoleto e desfasado con respecto á normativa vixente en materia de asociacións de voluntarios de Protección Civil e, ademais, dáse a circunstancia engadida de que dende algún tempo a institución non conta cun xefe de grupo, pois a última persoa que desempeñaba esa función deixou de ser veciño do municipio, unha condición requirida para este particular.

 

Manuel Ruiz explicou que tomou a decisión de delegar na persoa do edil Seguridade e Mobilidade Cidadá as competencias en relación a Protección Civil. Tamén informou de que, co propósito de desenvolver as dúas funcións anteditas, se nomeou unha xunta directiva provisional que está composta por Víctor Reiriz, Jesús Pose, Miguel Ángel Sobrado, José Antonio Sobrado, Ramón Saavedra e Johnathan Romay.

 

Grumir: unha ducia máis e tres capataces


En outra orde de cousas, Manuel Ruiz aludiu a próxima contratación de 12 prazas máis outras 3 de capataz do Grumir con cargo aos fondos de cooperación da Xunta de Galicia: algo que se espera frutifique en dez ou quince días.

 

Non obstante, o alcalde tamén indicou que este ano se asignará unha contía económica nos Orzamentos Municipais que permita que unha vez remate o período con cargo aos fondos de cooperación, se podan contratar cos recursos propios do Concello e, a ser posible, enlazar cos próximos fondos de cooperación. “Eu espero que no peor dos casos, o que teña a sorte de traballar poda traballar polo menos nove meses seguidos e despois entrarán os fondos de cooperación do ano que vén”, declarou.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical