24.5.12

Ribeira: o domingo, 27 de maio, Festival para recadar fondos para Paula, a nena de Boiro sen sacro

  • Será ás 18.30 horas na praza da lonxa municipal. Quedan menos de 30.000 euros para conseguir a cifra necesaria para todo o tratamento desta rapaciña
  • O venres, dentro do Maio Cultural, concerto das Letras Galegas e o sábado contacontos na biblioteca[[posterous-content:pid___0]]


Ribeira, 24 de maio de 2012.- O próximo domingo 27 de maio, a partir das 18.30 horas, terá lugar na praza situada diante da lonxa o festival benéfico “Yo canto por Paula”, co que se pretende buscar a solidariedade dos veciños do municipio coa nena boirense.

Os pais da rapaciña, Santiago Nieto e Chus Santos; Juan Somoza en representación de Paula Necesita Ayuda; e a concelleira de Cultura Elvira Pisos como representante do Concello (institución que colabora no evento) estiveron no Auditorio para ofrecer detalles deste festival, o cuarto destas características que se realiza en apoio da pequena Paula. Segundo relatou a nai da nena, xa só faltan 28.000 euros para acadar o obxectivo buscado, despois de recibir 237.000 euros nos oito meses transcorridos dende que se lanzou un chamamento á sociedade en demanda de axuda.

O festival do domingo contará coa participación dos cantantes Ana Paz, Fredi Cruxer, Manolito El Pescador, Mar Dávila, Pili Pampín e Sabela, así como da orquestra Aché, unha das máis reputadas do panorama galego segundo explicou Juan Somoza.

Sorteo  de agasallos

Quen queira contribuír haberá de abonar un donativo de 5 euros no caso dos adultos e de 1 euro no dos nenos. Entre os asistentes realizarase un sorteo de distintos agasallos: entre eles, un balón de fútbol firmado polos xogadores do Real Madrid, outro balón polos xogadores do Fútbol Club Barcelona e un terceiro pola Selección Española de Fútbol Feminina.

Máis tarde haberá unha cea por cortesía dun restaurante que colabora na iniciativa, ao igual que outras entidades e establecementos da contorna.

Maio cultural

No marco da programación do Maio Cultural 2012, esta fin de semana haberá en Ribeira dúas novas iniciativas organizadas polo Concello e que pretender espertar o interese da cidadanía.  Dunha banda, este venres ás 21 horas desenvolverase no Auditorio Municipal un Concerto das Letras Galegas a cargo da Coral Polifónica Municipal: un colectivo que está dirixido polo reputado Enrique Paisal Rego. A entrada será de balde ata encher aforo.


E por outra banda, o sábado terá lugar outra das accións incardinadas nos Sábados de Libro na Biblioteca Municipal: nesta ocasión, a contacontos Duende Dada, ataviada cun traxe de trasno, contará moitas cousas marabillosas que farán bulir a imaxinación dos nenos e nenas participantes. A actividade está destinada a rapaces de entre 3 e 12 anos e terá lugar de 11.30 a 12.30 horas. A entrada é de balde.

Antes xa anunciáramos:

Ribeira: este domingo 27, festival "Yo canto por Paula"

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical