- Hai 26 días para presentar ofertas
- Fortes cláusulas de penalización para que se remate nas datas previstas: ano e medio dende que se conceda á empresa encargada, polo que ata 2014 probablemente non estará listo para usar
- O 70% deste barco inclinado serigrafiado con peixes págao Europa
Ribeira, 21 de maio de 2012.- O Boletín Oficial da Provincia de hoxe anuncia a licitación da construción do novo mercado municipal de Ribeira, cuxo plego de condicións foi aprobado o pasado 15 de maio en sesión extraordinaria do Pleno da Corporación. O orzamento da infraestrutura ascende, segundo consta no anuncio, a 3.500.059,22 euros: unha contía na que se exclúen os gastos de demolición do vello edificio, a carpa do mercado provisional e a redacción do proxecto arquitectónico, que elevarían esa cifra en máis de 200.000 euros. Hai que lembrar que esta actuación está incardinada no proxecto Riveira Atlántica, cofinanciado nun 70% con fondos Feder.
O Goberno aprobou un prego de cláusulas administrativas moi preciso para a contratación especialmente deseñado para asegurar a máxima eficiencia e o cumprimento dos prazos de execución de 18 meses, que de non respectarse, serían duramente penalizados.
O procedemento é aberto e de tramitación ordinaria con multiplicidade de criterios de adxudicación. Nel establécense todo tipo de garantías, tanto técnicas e de calidade como de prazos. A celeridade é un punto esencial xa que unha intervención deste tipo afecta á organización de todo o concello, sobre todo tendo en conta que o mercado se erixe como centro neurálxico da actividade comercial diaria da cidade. Por ese motivo, procurouse axilizar tanto a adxudicación, mediante o establecemento dun prazo de presentación de proposicións breve, de 26 días naturais, como a execución, co xa citado límite de 18 meses, e co establecemento dun esixente e detallado baremo de penalización no caso de demora, tanto no cumprimento dos prazos parciais como no total , e mesmo tendo o Concello a facultade de resolver o contrato.
Innovación e eficiencia enerxética
A estrutura do inmoble, proxectado polo arquitecto Celso López Martín, simulará un barco de cristal cunha fachada inclinada que en función da hora do día irá cambiando os tons e sensacións e estará serigrafiada con tramas do seu produto estrela, o peixe. A instalación caracterizarase pola súa eficiencia enerxética e o emprego das TIC como elemento integrador e de xestión tanto interna, externa como relacional, xa que estará equipado cunha central de compras que operará a través de Internet e que coordinará o servizo de repartición.
Cinco plantas pero aínda non aparcadoiro soterrado
Estará distribuído en cinco plantas: unha planta soto para labores de carga e descarga, cámaras frigoríficas, vestiarios..., unha planta baixa pensada para os pescados e os mariscos, unha primeira que albergará inicialmente outros produtos perecedoiros..., unha segunda para artigos non perecedoiros e unha terceira que albergará o restaurante. Na última planta haberá unha terraza que prestará servizo ao local de hostalería do piso inferior. A edificación estaría preparada para conectar, chegado o caso, cun aparcadoiro soterrado que contará con 200 prazas de aparcamento.
O propósito xeral deste proxecto de longo percorrido é, segundo o equipo de goberno do PP, "a transformación do Concello de Ribeira nun destino turístico de primeira orde baseado nos seus propios recursos naturais, patrimoniais e industriais. O desenvolvemento integral do proxecto contribuirá de forma directa ao crecemento do emprego e á diversificación da actividade económica, partindo da rexeneración de dúas unidades paisaxísticas con identidade diferenciada: a dinámica fluvial propia da área litoral interior da contorna rural e a dinámica marítima do espazo urbano".
Os principais obxectivos estratéxicos céntranse na promoción económica, na creación de emprego e oportunidades comerciais a través da diversificación produtiva e mellora das infraestruturas e servizos locais, na calidade ambiental e a protección da contorna natural e o patrimonio cultural, fomentando ao mesmo tempo a Sociedade da Información e universalización do acceso ás TIC, facendo fincapé na conciliación familiar e a cohesión social.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario