3.5.12

Ribeira: o pleno rexeita o último "Gallardonazo" e pide que non se cambien as actuais demarcacións xudiciais

  • De levarse a efecto o proposto polo ministro de Xustiza conservador, o partido xudicial de Ribeira desaparecería, xunto cos de Noia e Muros, pasando a Corcubión

Ribeira, 3 de maio de 2012. Non contento con querer facernos repagar a xustiza, o actual ministro de Xustiza, o popular Alberto Ruiz Gallardón, quere desfacer -disque con criterios de eficiencia, manida escusa deste novo goberno para aplicar recortes a todo o que lle parece- os actuais partidos xudiciais. A súa proposta é refundilos noutros máis amplos. Iso, para provincias ou territorios como Madrid -comunidade autónoma na que gobernou ese mesmo ministro, deixando unha débeda de máis de 15.000 millóns de euros, a terceira máis alta de España, só superada por Cataluña e Valencia- sería factible, pero nunha zona como Galicia, onde a dispersión é unha "marca" do territorio, é unha auténtica tolemia e faría que os cidadáns viran aínda máis complicado acceder ao dereito fundamental da tutela xudicial efectiva, recollido na Constitución.

En Ribeira goberna o PP con maioría absoluta, pero ao equipo de goberno dirixido por Ruiz Rivas non lle doen prendas para defender aos veciños e, conxuntamente cos outros partidos, acordaron pronunciarse contra esta nova desfeita que pretende levar a cabo un ministro de Mariano Rajoy.

Declaración institucional lida onte no pleno:

Tendo coñecemento este Concello da proposta que o Consello Xeral do Poder Xudicial pretende debater en data de 3 de maio de 2.012 en aras a establecer una nova demarcación xudicial desaparecendo os partidos xudiciais de Noia, Muros, Corcubión e Riveira e crear un partido xudicial único integrado polos catro, e cunha sede única, sendo a ubicación proposta Corcubión,

Considerando que para o partido xudicial de Ribeira, o cal aglutina a meirande parte do partido xudicial, cunha poboación de case sesenta mil habitantes (Ribeira, Pobra e Boiro), e coa maior carga de traballo de todos eles, suporía uns gravísimos prexuízos non so por perder a ubicación física do xulgado senón tamén por ter que desprazarse a outra localidade coa que existen unhas deficientes comunicacións por estrada.

Por todo o anteriormente dito, os Grupos Municipais que compoñen a Corporación Municipal de Ribeira acordan:

Primeiro.- Que o Concello de Ribeira rexeite a nova demarcación xudicial a debater polo Consello Xeral do Poder Xudicial en data de 3 de maio de 2012, desaparecendo os partidos xudiciais de Noia, Muros, Corcubión e Ribeira e crear un partido xudicial único integrado polos catro, e cunha sede única, sendo a ubicación proposta Corcubión.

Segundo.- Solicitar do Ministerio de Xustiza que manteña a actual configuración do partido xudicial de Ribeira.

Terceiro.- Que pola Secretaría do Concello se emita certificado do presente acordo aos efectos da súa remisión ao organismo correspondente.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical