- Asiste á inauguración o conselleiro de Educación e Cultura
Ribeira, 28 de xuño de 2012.- O Museo do Gravado de Artes vai acoller dende mañá venres unha exposición do artista galego Manuel Facal.
O acto inaugural terá lugar ás 20 horas e contará coa presenza e participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, Xesús Vázquez; de Manuel Ruiz, alcalde e presidente da Fundación do Gravado de Artes; Javier Expósito, vicepresidente desta institución; e o propio artista, quen será introducido polo editor e escritor ribeirense Antonio Piñeiro.
Traxectoria
Manuel Facal naceu en Carballo en 1943. A súa dedicación ao gravado empeza durante a súa estancia en Londres, nos anos setenta, onde aprende a técnica de man da arxentina Carmen García. Viaxa por Grecia, Turquía e Italia e cultiva un cinetismo emparentable con Vasarely e Eusebio Sempere.
Coñece Nova York, onde profundiza en novos modos de expresión, e vai ao norte de Europa para ensaiar representacións abstractas de animais. O seu dominio das técnicas do gravado lévano a realizar obras para artistas como Miró; tamén ensaia a pintura de gran materia, afastada da representación formal, e os seus cartafoles de gravados sobre Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e outros escritores galegos.
O movemento aglutinado por Atlántica nos anos oitenta proxecta a súa visión da arte, que deriva cara a modos "pobres" do cartón e a colaxe.
Ten realizado exposicións en todo o mundo: Nova York, Londres, Porto Rico, Noruega, Galiza e Sudamérica e con presenza en importantes colectivas de pintura e sobre todo, gravado. Está representado en museos de Galicia, Centro e Sudamérica, Estados Unidos, España, países escandinavos e Portugal.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario