- Piden tamén que dimita ou cesen a García Borregón, responsable político desta campaña como Director Xeral de Conservación da Natureza
Barbanza, 11 de xullo de 2012. Esta fin de semana, dende a Asociación Vox Ánima, alzarán de novo a voz para pedir que pare o exterminio de animais que se está a levar a cabo na serra do Barbanza.
Marcha o sábado 14
O sábado 14 ás 09.00 horas un grupo de cinco persoas, en representación de varios colectivos que protestan contra a campaña da Xunta para eliminar o lobo híbrido e que está a supoñer a matanza indiscriminada de diferentes animais, partirán da Praza do Concello de Ribeira nunha marcha a pé que finalizará coa chegada a Santiago o domingo 15, onde se celebrará unha concentración na Praza do Obradoiro ás 18.30 h.
A marcha está aberta a todo aquel que se queira unir, ben por tramos ou ben para o camiño completo. En concreto está previsto que se unan varias personas o domingo 15 a partires de Padrón (ás 11.30 h.), e, sobre todo do Milladoiro (16.30 h) e mesmo na Choupana, á entrada de Santiago, (17.15 h.)
Cese do Director Xeral da Conservación da Natureza
Asemade, "queremos facer público un documento (que será entregado ao Sr. Conselleiro de Medio Ambiente) asinado de momento por Asociacións como ADEGA, ACOPO, GATOCAN, MOURA ou MATAR POR MATAR NON, á parte de nós mesmos, no que pedimos o cese do Director Xeral da Conservación da Natureza, o señor Ricardo García-Borregón, pola pésima xestión desta campaña, polo oscurantismo co que tratan certos aspectos da mesma, por se negaren a dar información de interese público, por non actuar perante evidencias ilegais e, sobre todo, porque estamos convencidos de que intereses ocultos están detrás da maioría das accións “consentidas” por esta institución, xa que do contrario non se explicaría a cantidade de barbaridades que están a ocorrer nos nosos montes", explican os de Vox Ánima.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario