4.7.12

Taekwondo: Ribeira aloxa 200 deportistas de 20 países no seu campamento "Soño olímpico"

  • Participan varios loitadores clasificados para os inminentes Xogos Olímpicos de Londres

 


Ribeira, 4 de xullo de 2012.- A falla dun mes para a inauguración dos Xogos de Londres, Ribeira converterase a partir do próximo luns no epicentro mundial do deporte do taekwondo a través da celebración do IV Campionato de Verán Internacional Soño Olímpico: unha iniciativa organizada polo Club Natural Sport coa colaboración do Concello, a Federación Galega de Taewondo e a Deputación Provincial, ademais de empresas privadas.

 

Uns 200 rapaces de 20 países nacidos entre 1994 e 2002 tomarán parte nesta acción, que ao longo de sete días (do 9 ao 15 de xullo) lles permitirá interactuar con combatentes e adestradores do máis alto nivel, algúns dos cales participarán na cita londinense. Entre as nacionalidades representadas figuran Italia, Suíza, Colombia, República Dominicana, México, Chile, Ecuador, Luxemburgo, Bélxica, Portugal, Marrocos, Papúa Nova Guinea, Holanda e Arxentina.

 

Para presentar esta acción compareceron hoxe no Consistorio o concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez; o presidente do Club Natural Sport, José Francisco Agrelo; Suvi Mikkonen, deportista finlandesa clasificada para Londres; e Jesús Ramal, adestrador da Selección Olímpica de Finlandia; ademais de tres deportistas que están axudando a preparar a Suri Mikkonen a súa participación olímpica: as suizas Nina Kläy (subcampiona de Europa absoluta) e Manuela Bezzola (campioa da Universiada e olímpica en Beijing) e a española Yaiza Soiza (campiona nacional).

 

O concelleiro de Deportes salientou o feito de que nunca antes en Ribeira albergaran tal cantidade de deportistas olímpicos: especialistas que perfilan a súa preparación cara os Xogos de Londres como a referida Suri Mikkonen, Gabriel Mercedes (República Dominicana, prata en Beijing), Theresa Tona (Papúa Nova Guineaa), Isaam Chernoubi, Sanaa Atrabrour ou Wian Dislam (estes tres, de Marrocos) ademais do brasileiro Diego Silva, quen requiriu os servizos como spárring dun dos máis laureados combatentes de Galicia e membro do Natural Sport, Raúl Bouzas.

 

O edil e tenente de alcalde ribeirense recordou tamén a vertente solidaria do campamento, que propiciou que nove deportistas de distintas procedencias puidesen ser becados ao cento por centro na súa estancia no campamento solidario.

 

Impacto económico

Por último, Juan Luis Martínez cifrou entre 60.000 e 80.000 euros a repercusión económica positiva que vai supor a celebración do campamento Soño Olímpico para o tecido empresarial do municipio de Ribeira.

 
O presidente do Club Natural Sport, José Francisco Agrelo, manifestou que o campamento de verán, que está totalmente autofinanciado, vaise dividir en dous grupos en función das idades: de iniciación, para os nacidos entre 2002 e 1998; e de perfeccionamento, para os que o fixeron entre 1994 e 1997.

 

Pola súa parte, tanto Jesús Ramal como Suri Mikkonen amosaron a súa compracencia de poder participar no campamento e subliñaron o gran nivel dos adestradores e deportistas que se van concentrar. A combatente finlandesa tamén salientou as semellanzas de clima existentes entre Galicia e Londres, o que lle axudará a afinar na súa preparación.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical