Dodro, 20 de agosto de 2012. A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro que dirixe Marisol Boga Grela, sacou á rúa a programación para os meses de setembro, outubro e novembro que se enviou a todos/as os/as veciños/as do Concello por carta.
Todas as actividades son gratuítas para a veciñanza de tal modo que calquera veciño/a pode participar nelas en igualdade de condicións.
No mes de setembro ten programado un fin de semana “Só Mulleres” en Santa Cruz, unha estancia de fin de semana de ocio e lecer e aprendendo en igualdade.
A fin de semana será o 15 e 16 de setembro e está destinada ás mulleres maiores de idade do concello. Dentro da fin de semana haberá charlas e mesa redonda sobre igualdade e prevención da violencia de xénero nas que participarán psicólogos e especialistas recoñecidos na temática, saídas culturais como a visita ao castelo de Santa Cruz, xornadas de ocio como unha saída en catamarán e un rato de compras en Marineda e noite de risas coa humorista Isi e unha xornada de taper sex.
Esta actividade esta subvencionada polo Concello e pola Secretaría Xeral de Igualdade. É totalmente gratuíta e as prazas son limitadas. As inscricións serán do 3 ao 11 de setembro no departamento de servizos sociais do concello.
Do 18 de setembro ao 13 de novembro haberá un “Curso de Restauración e Pintura Decorativa” de 18h a 20h no local de uso múltiple de servizos sociais. Está aberto a toda a poboación, é gratuíta e as inscricións poden realizalas do 3 ao 12 de setembro no departamento de servizos sociais.
No mes de outubro comeza un “Obradoiro de Iniciación ao Teatro” dirixido ás persoas maiores de 50 anos do concello. Dentro deste obradoiro haberá introdución ao teatro, relaxación, creatividade, traballo de rostro e corpo, técnicas de preparación corporal e expresiva e interpretación. Será do 17 de outubro ao 7 de novembro, os mércores de 18h a 20h nas aulas da Paxareira. O obradoiro é gratuíto e poderán inscribirse do 17 ao 28 de setembro no departamento de servizos sociais. Está financiada integramente polo Concello.
Tamén en outubro terá lugar o programa “Quedamos e tomamos algo?”, dirixido a toda a poboación. Dentro deste programa traballarase a importancia de educar en igualdade con charlas, coloquios, mesas redondas etc. Realizarase en distintos puntos do concello:
Bexo o día 22, Imo o 23, Teaio o 24, Traxeito o 25 e Lestrobe o 26 de outubro. Serán de 20h a 21,30h. As inscricións do 1 ao 10 de outubro no departamento de servizos sociais.
O 1 de outubro comezan os “Talleres de Memoria e Alfabetización de adultos”, dirixido ás persoas do concello con 60 anos ou máis. As inscricións poden realizarse do 3 ao 20 de setembro no departamento de servizos sociais. Esta actividade está financiada pola Deputación da Coruña e o Concello e gratuíta para todos os participantes.
Os obradoiros realizaranse en 7 puntos distintos do concello, Bexo, Vigo, Lestrobe, Imo, Traxeito, Tallós e Teaio cunha duración de 2 horas semanais en cada lugar.
Xa para o mes de novembro esta concellería ten programada a Semana contra a violencia de xénero “Déixame que che conte...” dirixida a toda a poboación.
Dentro desta semana o luns 19 de novembro na Casa da Cultura ás 20,30h terá lugar a charla “Estereotipos da violencia de xénero, e mesa redonda”
O martes 20 de novembro haberá “Contacontos” ás 18h na Casa da Cultura para os nenos/as do concello.
O mércores 21 terá lugar un video foro aberto a toda a poboación ás 20,30h na Casa da Cultura.
O xoves 22 “Contacontos” ás 18h na Casa da Cultura
O venres 23 Teatro a cargo do grupo Airiños de Rianxo ás 20,30h na Paxareira e unha exposición dos traballos realizados polas persoas participantes no obradoiro de restauración e pintura decorativa. Para rematar a semana o domingo 25 haberá unha concentración e lectura de manifesto en contra da violencia de xénero.
Esta concellería está ultimando ademais destas actividades, unha viaxe a Salamanca, unha saída a San Andrés de Teixido e un curso de Arte Floral, que unha vez rematada a organización informarase puntualmente a toda a veciñanza.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario