- Lage Tuñas di que o PP que goberna a Xunta "non pode agocharse" e pide explicacións sobre o anuncio da presidenta do Parlamento de que hai un ano se eliminaban coches oficiais que resulta están en activo
- O Psoe reclama a Feijóo "transparencia" na administración autonómica para que os cidadáns recuperen a credibilidade na política
- Tuñas argumenta que a mentira da eliminación dos coches oficiais "é un bo exemplo da política propagandística do PP e da falsa austeridade de Feijóo"
Noia, 11 de agosto de 2012. A precampaña vén nesta ocasión tan polémica como a anterior, e cos mesmos obxectos: coches oficiais que están pero que din que non están e a oposición denunciando os feitos. Daquela era Feijóo acusando a Touriño, agora é ao revés, o Psoe acusando a Feijóo. O responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas respostou esta mañá ao Partido Popular de Galicia ao fío da pólemica aberta sobre o engano da Presidenta do Parlamento sobre a renuncia aos vehículos oficiais do Parlamento.
Lage tuñas tamén reclamou hoxe a Núñez Feijóo “transparencia” na administracción autonómica “para que os cidadáns poidan recuperar a credibilidade na política” e dixo que agarda que o PP se sume á proposta socialista para garantizar o acceso dos cidadáns aos documentos públicos
Os socialistas galegos revelaron no día de onte que “a Presidenta do Parlamento mentiulle aos galegos cando anunciou que renunciaba a flota de vehículos oficiais dos que dispoñía o parlamento fai un ano”.
Lage Tuñas considera que “o Partido Popular non pode agocharse diante da farsa de Pilar Rojo que fai un ano anunciou a eliminación dos coches oficiais do Parlamento e agora descúbrese que era mentira. Non debería pasar un día máis sin que o PP lle explique aos galegos como poden seguir mantendo a mesma flota de coches oficiais un ano despois de ter anunciado a súa eliminación”, sinala.
Feito da máxima gravidade
“Estamos diante dun feito da máxima gravidade” apunta Lage Tuñas e engade que “non vale tirar balóns fóra nin descalificar aos que descubren o engano, o que toca é que a Presidenta do Parlamento explique con urxencia as razóns polas que lle mentiu as galegas e aos galegos”.
“O PP non está en condicións de dar ningún tipo de lección mentras non aclare este asunto”.
O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista vai máis alá e asegura que na “mentira da eliminación dos coches oficiais” pódese ver un bo exemplo da política propagandística do PP e da “falsa austeridade de Feijóo”.
O deputado socialista advertiu esta mañá ao Partido Popular que “a dereita non me vai a silenciar por moito que intente atacarme persoalmente. Cumplo coa miña obriga como deputado facendo propostas e fiscalizando como se gasta o diñeiro público”.
Feijóo e a transparencia
Lage Tuñas aposta ademais por dotar aos galegos cunha lei “que garanta a tódolos cidadáns o acceso a documentos públicos como xa pasa en moitos países de Europa e así evitar as mentiras e enganos propagandísticos como o da eliminación dos coches oficiais de Rojo”.
O deputado socialista defende dotar a Galicia “cunha Lei que garanta o acceso dos galegos e galegas a toda a información e documentación da administración pública.”
O responsable socialista considera que esta iniciativa incrementaría a capacidade de control e fiscalización da xestións dos recursos públicos por parte dos cidadáns e dos medios de comunicación social, “fortalecendo e ampliando a transparencia das nosas institucións”.
“Ningún representante público debería opoñerse a esta proposta, xa que a recuperación da credibilidade da política está en xogo”, alerta Lage Tuñas.
“Canta menos transparencia e máis zonas oscuras na política menos crédito entre os cidadáns. Nin a Xunta nin o Parlamento deben de ter zonas escuras nin espazos de sombra a ollos da cidadanía”, engadiu. Así, o parlamentario socialista apuntou que “non é de recibo nin xustificable que por exemplo que non se coñeza o convenio asinado polo presidente Feijóo coa compañía PEMEX, ou que se descoñeza o orzamento e a licitación das obras que hoxe se están levando a cabo no Parlamento por parte da presidenta do Parlamento”.
Explicou que “o PP está ocultando informes e documentos aos que debería ter acceso a cidadanía galega” e por iso reclama “transparencia e garantías para tódolos cidadáns no acceso á información pública.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario