23.10.12

Ribeira: programa da Mostra de Teatro 2012, ata o sábado 1 de decembro

  • Comeza este sábado 27 de outubro
  • Entrada de balde
  • Cinco compañías profesionais e dous grupos afeccionados
  • Entre os actores destacan os xa clásicos "Mofa e Befa", compañeiros inseparables do ribeirense Quico Cadaval

 

Ribeira, 23 de outubro de 2012. A Mostra de Teatro de Ribeira 2012 estará integrada este ano por un total de sete representacións, cinco das cales correrán a cargo de cinco compañías profesionais e dúas por grupos afeccionados.

A concelleira de Cultura, Elvira Pisos, foi a encargada de presentar esta edición, acompañada do director da mostra, Segundo Chiki Durán, e do técnico municipal Unai González.

A programación dará comezo este sábado 27 de outubro e rematará o sábado 1 de decembro. Non obstante, as funcións seguirán a liña doutros anos e terán lugar os venres de cada semana a excepción das dúas actuacións aludidas.

Elvira Pisos salientou que a Mostra de Teatro é  unha das programacións anuais estables con máis calado na cidadanía e que dende o Concello se procura a mellor escolma da arte dramática que se fai en Galicia.

As entradas das funcións (todas programadas para as 21.30 horas) serán de balde ata encher aforo. As localidades poderán retirarse os propios días das representacións media hora antes do inicio das mesmas.

A programación estará conformada pola seguintes actuacións:

  • Sábado 27 de outubro.- Talía Teatro: O método Grönholm

Sinopse: na Sala de Reunións dunha empresa multinacional comparecen catro aspirantes a ocupar un cargo executivo importante. A razón da súa presenza alí é que todos eles foron convocados a unha última proba na que a Empresa decidirá quen dos catro é o elixido para o posto. A proba nesta ocasión vai ser conxunta realizándose polos catro aspirantes ao tempo. Ao pouco de dar comezo vai quedando claro para todos os aspirantes que aquela non é unha proba convencional. Todos , tres homes e unha muller, son profesionais con ampla experiencia, con cargos importantes en outras empresas na actualidade-, afeitos a superar todo tipo de desafíos para alcanzar os obxectivos…..Pero esta experiencia, na que entra en xogo o Método Grönholm, e unha experiencia distinta.

 

  • Venres 2 de novembro.- Malasombra: Smoke City

Sinopse: Smoke City aborda unha problemática moi de actualidade como é a do tabaquismo, e en particular pon énfase nas consecuencias a curto prazo que causa na vida diaria dos consumidores, e, sobre todo, os beneficios de levar unha existencia limpa, sen dependencias, que permitan realizar un monte de actividades libres de ataduras físicas e psíquicas, que, ao fin e ao cabo, é todo o contrario de vivir atrapado, atado, encadeado a un pitillo, como é o desexo do malvado Silvio Nicotini.  

  • Venres 9 de novembro.- Obras Públicas: O fútbol é así

60 minutos de música e teatro con xornalistas deportivos, coa afección e por suposto cos xogadores. Unha historia baseada en feitos inventados que ben puideron ter ocorrido na fase final dun mundial no que xogaba unha selección vestida de vermello.

  • Venres 16 de novembro.- Grupo Municipal Xuvenil de Teatro de Ribeira: O achado do castro

Comedia de enredo que narra as aventuras de dúas ladroas que fan o imposible por acadar o medallón do César para facerse co poder do Imperio. Foi escrita aló polo ano setenta e sete antes de Xesucristo, tratándose dunha obra totalmente inédita xa que o manuscrito non se deu a coñecer ata o presente. A obra en cuestión, apareceu hai uns anos nunha escavación dun castro próximo á cidade e aínda que polo de agora non se explicase claramente que facía unha obra latina dunha época temperá nun castro celta, quizais sexa unha proba máis da paixón polo teatro dos habitantes da antiga Gallaecia.

  • Venres 23 de novembro.- Mofa e Befa: Cociña económica

Sketch no que se recrea un plató de Televisión onde se está gravando un programa de cociña. Reproduce o esquema que se sigue entantos programas nos que un cociñeiro de gran prestixio presenta á audiencia (maioritariamente feminina) unha receita de execución simple e custe reducido. Neste programa Cociña Económica elabóranse pratos de cociña internacional utilizando exclusivamente refugallos extraídos de colectores.

 

  • Sábado 1 de decembro.- Teatro Asociación Cultural Charamela: Se o sei non volvo a casa.

Debúllase un auténtico fresco da Galicia dos anos 20, cando a emigración a América se converteu nun fenómeno determinante na historia de moitas familias desta terra. O conxunto está invadido por un humor melancólico, que se conxuga cunha posta en escena moi coidada, rebosante de detalles, que firman una ambientación e un espazo escénico con moi belas escenas, destacando novamente o papel dos e das artistas que rozan o sublime nos seus respectivos rexistros.

Pode que tamén lle interese:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical