30.11.12

Boiro: Amicos celebra o luns, 3 de decembro, o Día das Persoas con Discapacidade

Media_httpfarm9static_hyfvw

Este ano a lectura do manifesto e solta de globos é no Concello de Boiro

Boiro, 30 de novembro de 2012. O vindeiro luns, 3 de decembro, ás 12:00h na praza do Concello de Boiro farase a tradicional solta de globos co lema ¡¡ IGUALDADE !! por parte da asociación Amicos, co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

Tamén darán lectura a un manifesto de AMICOS e un manifesto institucional. A reivindicación do manifesto sinala o dereito a un fogar e unha escola especial para as persoas con discapacidade.

Velaquí os manifestos:


SOÑAMOS CON. MANIFESTO AMICOS.doc Download this file

MANIFESTO INSTITUCIONAL.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: medran as familias en risco de exclusión ás que axudará "Amigos de Galicia"

  • Concello e Fundación "Amigos de Galicia" aumentan en 2012 a prestación de axuda a estas unidades familiares

Amigos_de_galicia

Ribeira, 30 de novembro de 2012.- Concello de Ribeira e Fundación Amigos de Galicia incrementarán o ano que vén a prestación de axuda a familias en risco de exclusión social do municipio. Así se reflectiu durante a reunión que tivo lugar hoxe no Consistorio para facer un seguimento do convenio de colaboración subcrito entre as dúas entidades e que surte efectos dende o pasado febreiro: unha reunión na que compareceron o alcalde Manuel Ruiz Rivas e o concelleiro delegado de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño de Bricio; o presidente de honra da Fundación Amigos de Galicia, o empresario dono de Frinsa Ramiro Carregal Rey; e o director xeral, o tamén empresario en diversas actividades Jesús Busto Peteiro.

O alcalde salientou a necesidade de que os Concellos se involucren neste tipo de accións humanitarias para axudar a quen máis o precisa nestes tempos de crise. Segundo tivo oportunidade de explicar, o número de persoas que se vén favorecidas a día de hoxe polo convenio é de 150, distribuídas en 42 familias: unha cifra que se verá aumentada nun 50% ata superar ás 60 familias, ao tempo que se incrementará tamén a contía económica que o Concello vai destinar á Fundación o ano que vén.

Cabe recordar que ata o de agora, a asistencia que se estaba a prestar traducíase no subministro de produtos alimentarios non perecedoiros e outros bens de primeira necesidade, como roupa e calzado, produtos de hixiene e material escolar.

Produtos frescos

Como novidade, este rango de produtos vai medrar coa aportación tamén de produtos frescos (como carne ou peixe), que o Concello se encargará de recoller e distribuír entre as familias necesitadas baixo a coordinación dos Servizos Sociais.

Ademais, prestarase unha atención especial aos nenos e nenas que necesiten ver melloradas as condicións de habitabilidade das súas vivendas a través de subministro de camas e colchóns.

Xoguetes

Pola súa parte, Vicente Mariño explicou que o Concello sumarase a partir deste mes de decembro á campaña “Ningún neno sen xoguetes” para que os máis pequenos podan recibir tamén este tipo de obxectos (quen desexe colaborar na acción pode doar os seus xoguetes na sede dos Servizos Sociais) e avanzou que durante a época de Nadal a dotación de produtos alimentarios que reciban as familias incluirá tamén os de tipo navideño, como turrón, etcétera.

A Fundación Amigos de Galicia atende preto de 26.000 persoas na Comunidade, das cales 14.000 son nenos ou xóvenes. Ramiro Carregal Rey significou a gran labor que vén desenvolvendo esta institución ao longo dos seus 26 anos de existencia.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: concerto solidario o sábado 15 de decembro, "Solidariedade X Música"

  • A Asociación Cultural Borobó organiza o festival benéfico en colaboración con Cáritas
  • A Banda de Música Municipal de Boiro e o estudio de ballet Va’Lontano serán os que actúen
  • Xa se pode comezar coas doazóns

Boiro_concerto_15
https://twitter.com/pacodomartelo/status/274217324679163906

Boiro, 30 de novembro -Santo André de Cures- de 2012. A Asociación Cultural Borobó ven de presentar o festival benéfico “Solidariedade X Música” que terá lugar o sábado 15 de decembro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Boiro, a partir das sete e media da tarde, no que levará a cabo un concerto da Banda de Música Municipal de Boiro e unha actuación de teatro musical do
estudio de ballet Va’Lontano, de O Grove.

A finalidade é recadar distinto tipo de material e enseres para axudar ás numerosas familias boirenses que se encontran nunha difícil situación como consecuencia das circunstancias económicas actuais. Con este evento, o colectivo cultural fai efectiva unha colaboración con Cáritas Boiro quen será a encargada de levar a cabo o reparto do material donado recaudando dende
alimentos non perecedeiros, roupa (especialmente de abrigo), material escolar e xoguetes (que non teñen por que ser novos, pero que se atopen en bo estado). As doazóns pódense facer dende hoxe mesmo no local de Cáritas Boiro, situado na rúa Principal nº 24 (antigo comercio Xefa) —conseguindo a cambio entradas para o festival— ou ben no mesmo día do evento na Casa da Cultura.

Boiro_borobo

A Presidenta de Borobó, Silvia García Mirón, quixo solicitar “a axuda de tódolos boirenses para mellorar nestas datas a situación de moitas familias do municipio que precisan dende alimentos básicos como leite ata algún xoguete para poder facer felices aos máis pequenos do fogar, polo que entre todos, aportando cada un o seu gran de area, podemos construir unha gran montaña de axuda solidaria”. Dende o colectivo incideron no seu interese en organizar iniciativas de carácter solidario, non só en momentos puntuais que así o precisen, tal e como fixeron coa organización do “Concerto Solidario por Haití” senón tamén ao traverso da colaboración con outras entidades que exercen de xestoras de axuda á sociedade, como foron as colaboracións con Ámbar e Amicos co concerto “Capaces” ou coa ONGD Contacto nas dúas edicións previas de “Xoguetes por Música”.




Solidaridade en Ribeira: o partido deste domingo 2, para Cáritas. Colabora en metálico ou especie!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

29.11.12

Lingua galega: o ribeirense Carlos Callón presentou "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez"

  • Foi en Santiago, no Centro Galego de Arte Contemporánea, nun almorzo informativo

Media_httpfarm9static_wcuwp

Carlos Callón co seu editor, Manuel Bragado

Ribeira, 29 de novembro de 2012. Esta mañá presentouse en Compostela, só aos medios, "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez" nun almorzo informativo. Nese encontro con xornalistas o autor, Carlos Callón, natural de Ribeira, estivo acompañado polo director de Xerais, Manuel Bragado, quen deu alí "unha moi boa noticia: estase a preparar xa a segunda edición deste libro, para poder dar resposta á demanda existente", explicou Callón.

"O manualiño leva escasas semanas nas librarías e, como digo, a presentación para os medios aínda foi esta mesma mañá, polo que o meu agradecemento e a miña alegría pola extraordinaria resposta se multiplican. Grazas por acollérdelo como un traballo útil!", remata Callón, activista cultural e da lingua galega que inda está pendente dos tribunais por recriminarlle a un xuíz da Coruña -o decano para máis escarnio- que non cumpría a Lei de Normalización Lingüística.

Media_http3bpblogspot_hobfc

Callón ten agora mesmo tres libros en Xerais sobre a cuestión da lingua


Os primeiros actos públicos de presentación deste manual serán o día 13 de decembro en Santiago de Compostela e o día 18 en Silleda. Calquera día cáese pola súa terra para presentalo, do que daremos cumprida información.

Quere mercar este libro en Internet? Pois prema aquí



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Slam Arousa, na Pousada das Ánimas, na ponte de decembro

Slam


Boiro, 29 de novembro de 2012. Slam.Arousa volverá aos bares a vindeira semana. Neste caso á Pousada das Ánimas, durante a ponte, o día 6 de decembro, ás 22.30 horas. Nesta ocasión participarán os gañadores das edicions anteriores, como convidados (Celia Parra e Ramón Blanco)

Normas de recitado slam.arousa:

 

  1. Podes recitar calquera texto sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A partir de 3 minutos, descóntase puntuación sobre o veredicto do público.
  2. Non podes usar música, disfraces ou accesorios
  3. É tan importante o texto coma un bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
  4. Non é imprescindible saber o texto de memoria... pero axuda, claro!
  5. Por votación popular decídense 3 finalistas, que volven recitar un texto (preferentemente diferente, para gañarse ao público), esa mesma noite.
  6. Destes 3 finalistas, sempre por votación popular, vén seleccionado o gañador que pasa á final na Illa de Arousa, no mes de marzo.
  7. O gañador, pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor pra deleitar ao público. 
Ramón Blanco gañou o Slam Arousa en Ribeira

O slam.arousa do mes de novembro, que se celebrou na vila de Ribeira, tivo unha moi boa acollida de público e participantes. Foron 10 os poetas que se decidiron a recitar os seus propios versos.

Trala lectura, o xurado popular, composto por 7 persoas do público, seleccionadas aleatoriamente, decidiron facer finalistas a Ramona Golias (membra do grupo de teatro Airiños), Manuel L. Rodrigues (poeta de Noia ben coñecido na comarca) e Ramón Blanco, quen resultou finalmente gañador da velada. Na anterior, celebrada en Taragoña, a ganadora fora a poeta ourensá Celia Parra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres 30, "Shakespeare para ignorantes", de Quico Cadaval, con Mofa e Befa

  • Ás 21:00 no auditorio
  • Para público adulto
  • A retirada de entradas (máx. 2 por persoa) comeza unha hora antes


O espectáculo, para adultos, proporciona gargalladas aseguradas

Rianxo, 29 de novembro de 2012. O aspecto inicial deste espectáculo escrito polo ribeirense Quico Cadaval é o do produto didáctico en estado puro, recalcando a condición do público de colectivo carente duns concretos coñecementos.

Dende esta transparencia expositiva, o primeiro que se desenvolverá na escea será a conferencia dun prestixioso profesor. Presumidamente, a conferencia pretende ser unha amena palestra para un público con coñecementos menos que básicos da imortal obra do conspicuo bardo. O profesor reclamará, para facer máis deleitosa a instrución que pretende inocular nas moleiras dos circustantes, o concurso de dous actores talentosísimos, máis temporalmente desempregados. Estes son MOFA&BEFA.

E non se esquezan de:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ensino: a Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza recollerá sinaturas para que se retire a nova Lei de Educación

Media_httpfarm3static_faqtg

Boiro, 29 de novembro de 2012. A Asemblea En Defensa do Ensino Público da Barbanza reuniuse onte, mércores 28 de novembro, no IES A Cachada de Boiro. Dende fai meses, véñense facendo reunións periódicas en diferentes centros educativos co fin de tomar contacto con familias e profesorado para analizar a situación actual do ensino público na nosa bisbarra.

Nesta ocasión, o debate centrouse no anteproxecto da nova lei de educación (LOMCE) dado que se trata dunha norma que, segundo esta plataforma da sociedade civil, "desmantela a educación pública a favor da privada, impón un sistema de reválidas que aumenta os obstáculos para o alumnado, elimina materias fundamentais na formación dos xóvenes,  elimina a participación democrática de toda a comunidade educativa no Consello Escolar e despreza a función docente".

A recollida comeza en decembro

Ante esta situación, decidiuse levar a cabo una iniciativa de recollida de sinaturas para esixir a reitada do anteproxecto da nova lei de educación (LOMCE) que se poñerá en marcha na primeiras semanas do mes de decembro. A Asemblea está a elaborar un documento que se fará chegar ás familias no que se lles convida  a asinar en contra de dito anteproxecto. Posteriormente, enviarase a relación de sinaturas á Consellería de Educación e ao Ministerio de Educación.

A Asemblea convida a quenes estén interesados en informarse a que os busquen nas redes sociais (www.facebook.com/AsembleaEnDefensaDoEnsinoPublicoDaBarbanza) ou a que acudan á próxima xuntanza que se levará a cabo o día 24 de xaneiro na Pobra do Caramiñal.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Renacer" informa este venres, 30 de novembro, e sábado, 1 de decembro, sobre a Sida

  • Co gallo do Día Internacional de Loita contra esta doenza
  • Sinalan que o máis importante segue a ser a prevención, que só se logra con información

Media_httpwwwasociaci_gleju

Ribeira, 29 de novembro de 2012. Cada 1 de decembro, Día Mundial de Loita Contra a SIDA, persoas de todo o mundo suman esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar solidariedade internacional ante a pandemia.

Esta celebración brinda a todos os/as copartícipes, tanto públicos como privados, unha das máis oportunidades máis claras para dar a coñecer a situación e impulsar avances en materia de prevención, tratamento e atención aos afectados/as nos países con elevada prevalencia e tamén no resto do mundo. A Asociación Renacer levará a cabo unha serie de actos informativos  nos vindeiros días. Estes actos están dirixidos á poboación en xeral e a mocidade en particular, tentando concienciar acerca da importancia da prevención na loita contra a SIDA e a de involucrarse na súa detección precoz.

Media_httpfarm5static_bfeje

Haberá reparto de condóns e material informativo

Instaláranse diversas mesas informativas nos tres institutos de ensinanza secundaria, nas que se repartirán lazos vermellos, material informativo e preservativos o venres día 30, durante o recreo, ás 11:30 horas. Ademais no IES Nº 1 para achegar tamén a información ás persoas que acoden á ensinanza de adultos impartirase unha charla sobre sexualidade e SIDA o xoves 29 ás 18:40 horas, trala que se repartirá material informativo.

O sábado día 1 de decembro na rúa peonil do concello (ó lado da Farmacia Sanmamed) tamén se colocará unha mesa informativa para informar e sensibilizar á poboación en xeral.

Estas actividades englobánse no programa de prevención do VIH-SIDA e outras ITS da Asociacion Renacer e complementan a labor que se está a levar a cabo cos mozos e mozas nos centros de ensino secundario a través de diversos obradoiros de Educación Afectivo-Sexual e Sexo Seguro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

28.11.12

Boiro: "Emily on the road", o poemario de Ramón Blanco, preséntase este venres 30

  • Logo actuará "Mr. Woolf"

Media_http4bpblogspot_jjmra

Pode seguir todas as presentacións deste poemario en http://achaescrava.blogspot.com.es

Boiro, 28 de novembro de 2012. A editorial Acha Escrava presentará en Boiro o novo libro de poesía de Ramón Blanco (Outes, 1979), que leva por título Emily on the road (Unha viaxe ás terras do oeste). Será na Pousada das Ánimas, o vindeiro venres 30 de novembro, ás 23:00 horas. O autor estará acompañado por Manuel L. Rodrigues, en representación da editora; e Manolo do Río, do colectivo literario Sacou, onde Ramón Blanco se iniciara como escritor.

O acto rematará cun recital poético-musical no que o autor lerá algúns fragmentos do libro, que ambientará coa súa música o saxofonista Pablo Sax. A continuación, no mesmo local, terá lugar a actuación do grupo de rock e blues dos 70 Mr. Woolf.

Esta é a oitava dunha serie de presentacións por diversas vilas e cidades, no que a propia editora denominou "Xira Emily on the road".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Manuel Teira exporá "O segredo dos Arxinas" dende o mércores 5 de decembro no Liceo

  • Nova mostra de escultura na Sociedade Liceo de Noia
  • "O SEGREDO DOS ARXINAS", do artista convidado Manuel Teira Luaces, natural de Palmeira (Ribeira)
  • Inauguración o mércores 5 de decembro ás 20:30 horas

Noia_liceo_manuel_teira

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

27.11.12

Porto do Son: o venres 30, charla sobre Alzheimer e o domingo 2, teatro para nenos

Ribeira: o proxecto de 2015 xa conta con web

  • Os visitantes poderán seguir de maneira pormenorizada e instantánea a evolución do proxecto turístico e as iniciativas nas que conflúen os seus obxectivos base: a construción dun mercado municipal e a recuperación integral do río Arlés e o seu contorno, así como doutras de mellora da bisbarra.
  • A plataforma dixital, que se adapta aos dispositivos móbiles, concede a capacidade de interacción coa dirección do proxecto, aportando propostas e suxestións de mellora, así como a posibilidade de dispoñer doutros enlaces de interese turístico que lles aporten unha perspectiva máis ampla aos usuarios.

Web_ribeira

Ribeira, 27 de novembro de 2012.- O proxecto Ribeira Atlántica 2015 estrea plataforma dixital (www.riveiraatlantica2015.es), unha ferramenta coa que os usuarios poderán consultar as novidades e a evolución do plan turístico cun só clic.

Este novo portal, presentado este mediodía aos medios polo alcalde riveirense, Manuel Ruiz, que estivo acompañado do tenente de alcalde Juan Luis Martínez e do deseñador gráfico de RP Galicia, proporcionaralle ao visitante toda a información sobre as actuacións que o proxecto ten previsto levar a cabo, así coma as noticias máis relevantes do sector turístico. Conta cunha sección de anuncios e cun buzón de suxestións onde os usuarios poden intercambiar opinións, facer consultas e propostas ao equipo técnico de Ribeira Atlántica 2015. Ademais, ten un acceso directo as redes sociais, concretamente a Facebook e Twitter. Dende elas os membros activos que formen parte da Comunidade dixital de Ribeira Atlántica 2015 poderán seguir periodicamente a evolución do Proxecto, aportando o seu punto de vista e contribuíndo activamente a súa mellora.

A un só clic da Ribeira do futuro, disque

A plataforma do turismo de referencia sitúa anuncios, noticias e outros links do sector a un só clic dos interesados. Cunha clara vocación participativa e interacional, que faga da páxina unha web de todos e para todos, Riveira Atlántica 2015 lanza este portal coa intención de que cada un expoña as súas iniciativas, ideas, suxestións, críticas construtivas, e todo tipo de aportacións que considere de interese e necesidade para o municipio. Así, o portal converterase nun marco de referencia e punto de encontro, nunha sorte de altofalante dende os veciños, por e para eles.

O portal dixital, que se adapta aos dispositivos móbiles, presenta unha estrutura clara, limpa e directa, procurando a máxima accesibilidade e funcionalidade para o usuario. O deseño dinámico que a caracteriza pon en primeira fila as sete seccións nas que se divide a páxina, facendo do seu manexo interno unha ruta itinerante que desemboca no contacto entre organización/dirección e visitantes.

Turismo e interacción de vangarda

O groso da información que se recolle na páxina web versa sobre as oito actuacións que o proxecto turístico Ribeira Atlántica 2015 está a deseñar para resaltar  os atributos do Concello e, deste xeito, dotalo do valor que o municipio barbanzano ten para erixirse como referente no sector turístico de Galicia, algo que non dá conseguido pese aos esforzos da mancomunidade Arousa Norte.

As oito actuacións estratéxicas que o proxecto contempla están orientadas a transformar o núcleo urbano e os arredores da vila mariñeira de aquí ao 2015 e cuxa pedra angular radica na construción dun novo mercado municipal. A dirección de Ribeira Atlántica 2015 prevé obras colaterais estratéxicas nos ámbitos urbano e rural, que fagan da cidade un foco para veciños, visitantes e todos aqueles axentes económicos e sociais ligados á actividade, cotiá ou ocasional, da capital do Barbanza.

No terreo urbano, o plan contempla, como principal obxectivo, a construción dun novo mercado municipal, cuxas obras xa comezaron hai meses. Ademais, desenvolverase un plan de mobilidade e accesibilidade da área portuaria, crearase un paseo marítimo-terrestre á beira do litoral de Ribeira e traballarase na recuperación e interpretación do complexo mar-industrial da Área Secada.

No rural, o punto de mira está dirixido á recuperación integral do río Arlés, e tamén á creación dun centro social e de ocio saudable en Oleiros.

Dúas son as actuacións compartidas, a medio camiño entre o rural e o urbano: dunha banda, estudarase a creación dunha rede de miradoiros e vías paisaxísticas da cidade, e por último, é precisamente a creación desta nova web, que alberga toda a información turístico-medioambiental de relevancia e interese para os veciños, visitantes e demais axentes sociais relacionados.

Importancia das novas tecnoloxías

Conscientes da transcendencia das novas fórmulas de comunicación 2.0 na promoción turística, desde Ribeira Atlántica 2015 apóstase por unha iniciativa que se considera clave para difundir imaxe de marca, principais obxectivos e logros que se vaian acometendo a través das novas canles e soportes on line e das ferramentas informativas que ofrecen as novas tecnoloxías.

As cifras avalan esta aposta. Segundo un recente estudo realizado pola compañía Travelport sobre incidencia de internet nos movementos turísticos, o 66% dos turistas e o 59% dos viaxeiros de negocios a nivel mundial utilizan a Rede para buscar servizos e comparar prezos e o 40% accede ás webs das aero-liñas, mentres que nos buscadores dos hoteis entra un número considerable de usuarios interesados en obter información actualizada sobre prezos, oferta, características dos emprazamentos, etc.

Estado das actuacións

O alcalde, Manuel Ruiz, fixo alusión ao estado en que se atopan algunhas das actuacións englobadas no proxecto Ribeira Atlántica:

Mercado Municipal

Xa se iniciaron actuacións preliminares e na próxima semana a empresa adxudicataria Corsan-Corviam comezará xa a realizar “accións importantes”. De xeito paralelo á execución da obra comezarase coa tramitación das concesións.

Paseo Marítimo Terrestre do Borde Litoral

Adxudicarase o proxecto e obra esta mesma prazo. Ten uns prazos de dous meses para a redacción do proxecto técnico e de seis meses para o desenvolvemento da obra. A obra podería estar rematada en torno ao verán de 2013.

Recuperación do complexo mar-industria de Area Secada

Estase a traballar no proxecto. Previsiblemente será un entronque coa finalización do paseo antedito.

Recuperación do Río Arlés e o seu entorno

Adxudicouse a redacción do proxecto á empresa Hidrya, para o cal conta cun prazo de 2 meses. Dentro duns 15 días o Concello poderá dispor da traza da senda peonil que rodeará o río.

Centro social de Oleiros

A semana pasada adxudicouse a redacción da empresa a Carlos Seoane Arquitectos, que ten un prazo de execución de 2 meses.

Rede de miradoiros e vías paisaxísticas de Ribeira / Recuperación de Castro da Cidade

Estase a finalizar o prego que recolle a posta en valor de Castro da Cidade. Polo que respecta á rede de miradoiros e vías paisaxísticas, será unha actuación de conxunto que preverá unha acción singular no miradoiro de Pedra da Ra.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a Escola de Música convoca o II Seminario de Composición para Banda, entre decembro e xuño

  • Son catro encontros para 12 alumnos activos. Para oíntes non hai límite de prazas

Rianxo_seminario

Rianxo, 27 de novembro de 2012. Neste curso 2012-2013 a Escola de Música de Rianxo organiza o II Seminario de Composición para Banda impartido polo mestre Andrés Valero Castells (http://www.andresvalero.com).

Este seminario consistirá en 4 encontros

  • Encontro 1 (decembro): xoves 27 (17.00 a 21.00 h), venres 28 (16.00 a 20.00 h), sábado 29 (16.00 a 20.00 h)
  • Encontro 2 (marzo): venres 15 , sábado 16 , domingo 17
  • Encontro 3 (abril): venres 5 , sábado 6 , domingo 7
  • Encontro 4 (xuño):  venres 28 , sábado 29 , domingo 30

As horas dos encontros organizaranse en clases Individuais (1h/encontro), clases teóricas colectivas (2 h/encontro) e probas con Banda.

Youtube de Andrés Valero: http://www.youtube.com/user/AndresValeroCastells

O Curso dispón de 12 prazas para alumnos activos e para os alumnos oíntes non hai límite de prazas. O prezo do seminario será:

  • Activos 80€/Encontro
  • Oíntes 35€/Encontro

Os encontros terán lugar no Auditorio de Rianxo. Para calquera dúbida ou información dispós do teléfono 671 058 555 (Rafa) ou do correo  escolademusicaderianxo(at)gmail.com.

Pode que tamén lle interese:


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

26.11.12

Ribeira: a Asociación Galega de Onomástica denuncia que o Concello segue a quebrar a lei a pesar das queixas ao Valedor sobre o topónimo

Media_httpfarm4static_gdqfs

O Concello obriga a toda institución que traballa con el a empregar a forma deturpada e equivocadamente aprobada por culpa do finado cronista da vila, García Bayón

Media_httpfarm4static_ayuxd

A Xunta emprega correctamente o topónimo na súa cartelería de estradas, pero emprégao "ao xeito do Concello" na Rede -vaia paradoxo- de Dinamización Lingüística, anunciando o programa FalaRedes

Ribeira, 26 de novembro de 2012. Está acontecendo dende hai décadas (nada menos que dende 1983, en que se aprobou o lei que fixa a Toponimia de Galicia), pero convén que se recorde de cando en vez. Desta volta foi a Asociación Galega de Onomástica, que ten entre os seus socios ao presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, ou a prestixiosos latinistas e intelectuais galegos como Xesús Ferro Ruibal, quen lle recordou ao Concello de Ribeira que está a cometer un delito, pois non cumpre coa Lei de Toponimia.

Segundo explica nunha entrada na súa web hoxe mesmo, titulado "A toponimia desvalida":

"Un cidadán acode ó Valedor para que inste a un concello a cumprir a lei: «Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios…»

O Valedor abre un expediente.

O Valedor escríbelle ó concello: «Lémbroche que tes que cumprir a lei».

O concello non responde.

O Valedor pregúntalle ó concello:» ¿Vas responder o que che preguntei?»

O concello non responde.

O Valedor vólvelle preguntar unhas cantas veces: «¿Vas responder o que che preguntei?»

O concello, por fin, responde: «Non me gusta ó que me obriga a lei e, como xa pedín que o puxesen como a min me gusta, non vou cumprir a lei».

O Valedor sentenza: «O concello acepta parcialmente o meu recordatorio».

O Valedor pecha o expediente.

A toponimia: ten quen a valla?"

O Concello é o de Ribeira e o último documento do Valedor sobre este asunto é o que segue:

valedor_do_pobo_Ribeira.pdf Download this file

Como xa explicamos varias veces en Certo, e aclaran os da Asociación Galega de Onomástica, Riveira co v é unha falacia, unha deturpación que, curiosamente, só se emprega en Santa Uxía. Non atoparán outra "Riveira" en toda Galicia nin en países da lusofonía, onde podemos atopar Ribeira do Pombal, por exemplo, en Brasil, ou Ribeira Grande en Azores (Portugal).

A Xunta, na que goberna a misma cor política -a azul- que no Concello, faise a sueca. E, con toda a faciana -pétrea, que dixo un día Feijóo sobre o pobo galego nunha inauguración na Cidade da Cultura- advirte á Wikipedia, a enciclopedia en liña máis grande do planeta, para que respete os topónimos en galego. Mais ao Concello de Ribeira nin chío. Un Concello no que goberna Manuel Ruiz Rivas, un alcalde que, de ser certo o que contou a presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, paga do seu peto publicidade nunha revista que se adica a denostar as leis de Toponimia e Normalización Lingüística aprobadas polo Parlamento de Galicia no seu día. Trátase de "Vosotros", da que até o de agora só saíu un exemplar e do que xa informamos en Certo no seu día.

Media_httpfarm6static_hgbbf

Teimudez instalada xa socialmente

Media_httpfarm4static_qkkqd

Riveira con v gañaron o certame de comparsas de 2009

Mais como aconteceu co topónimo da Coruña, que o turrón e presunto socialista Paco Vázquez aseguraba que tiña que levar o L no artigo e moita poboación o defendía, en Ribeira sucede o mesmo. Tanto é así que hai unha asociación chamada "Riveira se escribe con v" (sic) que ademais adoita gañar os concursos de comparsas no entroido. Mais con iso e todo, esta asociación e o Concello están a comportarse como delincuentes, ou sexa, como alguén que comete un delito. Como ben explica o dicionario da Real Academia Galega, delito é o quebrantamento da lei. E ten un sinónimo: malfeito.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o sábado, 1 de decembro, "Barco a pique" clausura "Retranca da Ría" con Cándido Pazó

Barco_a_pique

Ribeira, 26 de novembro de 2012. O I ciclo de "Retranca da Ría" chegará ao seu fin o vindeiro sábado 1 de decembro, cunha actuación de Cándido Pazó. Este contacontos xa estivera en maio deste ano en Ribeira e volta desta vez cun espectáculo que presentará en primicia en Ribeira, por tratarse dunha vila moi vinculada ao mar. Baixo o título de "Barco a pique. No X aniversario do afundimento do Prestige" Pazó encandilará e logrará, de seguro, sacar un sorriso aos veciños da comarca contando historias, anécdotas e contos sobre o afundimento do petroleiro Prestige no ano 2002.

O evento terá lugar na Cervexería Noite Meiga 2.0, ás 23:30 horas, e a entrada ten un prezo de 5€ e gratuita para os socios, que se poderán adquirir na entrada do local media hora antes do comezo ata encher o aforo.

Dase así por finalizada a I edición deste ciclo, que tivo o pracer de contar co xa citado Cándido, Evaristo Calvo (un dos de Mofa e Befa) e Quico Cadaval. Flor de Toxo agradece a todo o público que ten asistido ás actuacións, pois o aforo quedouse pequeno en todas elas. Esta entidade xa programa as próximas actividades como viaxe á neve, nadal musical, fundación dunha comparsa de xigantes e cabezudos etc..

Flor_de_toxo_portugal

Flor de Toxo co Director Xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro Tato

Flor de Toxo en Braga

A Asociación Xuvenil e Cultural Flor de Toxo vén de participar na cidade portuguesa de Braga no 12º ENAJ (Encontro nacional de Associaciçoes Juvenis) durante os días 23,24 e 25 de novembro. Alí, nesa cidade portuguesa puideron compartir e intercambiar ideas con outras asociacións do país luso. Participaron ata 67 persoas de Galicia e coordinou a viaxe a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. A comarca estivo representada por mozos de Ribeira e Boiro.

Pode que tamén lle interese:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Literatura: ata o 31 de decembro para optar á praza na residencia de escritores de Axóuxere en Rianxo

  • A autora ou escritor interesados deberán enviar unha proposta co traballo que queren desenvolver durante 30 días entre febreiro e abril de 2013 en Xens, Leiro, Rianxo, onde a editora Axóuxere ten a súa residencia de escritores
  • A cambio da estadía, totalmente gratuíta, a escritora ou autor escollidos deberán dar un obradoiro literario no municipio e entregar algún material publicable do proxecto
  • Axóuxere xa vai pola súa cuarta experiencia con este chamamento. Antes estiveron a poetisa canaria Irena La Sen, o galego-islandés Elías Portela e a luguesa Nerea Pallares

Toda a información neste dossier:

Axóuxere_Inverno.pdf Download this file

Ou na web da editorial rianxeira: http://axouxerestream.com/residencia-de-escritores/


Relacionada:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o IES "Félix Muriel" celebra o Ano de Celso Emilio Ferreiro con varias actividades

  • 100 voces para 100 poemas de Celso Emilio Ferreiro que rematan en recitado conxunto o 12 do 12 ás 12 do "Deitado frente ao mar"
  • A lectura de máis de 100 poemas diferentes do autor por máis de 100 voces diferentes, un concurso de recitado de poemas, a decoración dos corredores e das escaleiras do centro co poema “Deitado fronte ao mar”, e o recitado conxunto deste poema o día 12 do 12 ás 12 da mañá configuran as principais actividades programadas.

 

Media_httpfarm5static_irank

Este verso de "Deitado frente ao mar" está en Foz, na Mariña luguesa

Deus ke te crew musicou o poema

Rianxo, 26 de novembro de 2012. O Equipo de Normalización e Dinaminazión Lingüística do IES Félix Muriel de Rianxo organizou, coa colaboración activa da biblioteca do centro e a implicación directa de alumnado, unha homenaxe ao poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro. Para  os dous últimos meses do ano 2012, ano no que se celebra o centenario do nacemento, programáronse varias actividades que van desde a lectura de máis de 100 poemas diferentes do autor ata un recitado conxunto do poema “Deitado frente ao mar” que está promovido pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL)

 

Dende a  segunda semana do mes de novembro, ata mediados do mes de decembro, levaránse a cabo as seguintes actividades programadas:

  • Deseño e pegado de cartaces anunciando a actividade polos corredores do centro.

  • Selección, lectura e gravación de cen poemas de Celso Emilio lidos por diferentes  membros da comunidade educativa durante os recreos na biblioteca do centro.

  • Concurso de recitado de poemas todos os venres para o alumnado de ESO, bacharelato e ciclo formativo, con premios para os tres mellores recitadores.

  • Entre as actividades de carácter artístico, o alumnado participa activamente na elaboración de cartaces anunciando a actividade, destacando a divulgación dos versos do poema  “Deitado frente ao mar” que, escritos en tiras moi grandes de papel, serviron para empapelar os corredores e os espazos comúns do centro e tamén para familiarizar ao alumnado co poema.

  • Continuando coas actividades de ambientación, un grupo de alumnos e alumnas asesorados por un dos profesores de E. Plástica, están modelando unha barricada de cartón-pedra que será exposta no vestíbulo central do instituto e que servirá como soporte para colocar poemas de Longa noite de pedra.

  • Coa consigna de  “o 12 do 12 ás 12”   terá lugar, no edificio central do centro,  o recitado conxunto do poema “Deitado frente ao mar” no que participará alumnado, profesorado, persoal non docente, nais, pais e tamén a Concelleira de Educación, cultura e normalización lingüística do Concello de Rianxo, Hadriana Ordóñez.

Máis información sobre as actividades do ENDL do "Félix Muriel" en http://www.bicodaria.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: polémica e oposición veciñal ao peche dunha farmacia en Ceilán

  • Levan máis de tres mil sinaturas contra este peche, pois é un establecemento do que se benefician non só os de Outes, senón tamén veciñanza de Negreira e Noia
Media_httpfarm6static_vchjl

PonteNafonso é o lugar contiguo a Ceilán e son os seus veciños os que promoven esta vindicación da farmacia. Agora uníronse moitos máis.

Outes, 26 de novembro de 2012. Unha asociación veciñal do municipio coruñés de Outes reuniu máis de 3.000 sinaturas para tentar frear a orde de peche que pesa sobre unha farmacia situada no lugar de Ceilán, cerca do hospital abandonado poucos anos despois de inaugurarse. Dada a súa proximidade ao límite municipal cos concellos de Noia e Negreira, son moitos os habitantes alleos a Outes que se adheriron á petición por sentirse afectados como usuarios, temerosos de perder este servizo e solidarios ante o que consideran unha inxustiza.

Secuencia histórica do caso

Pascual Rosón López abriu as portas do seu negocio hai agora oito anos, despois de serlle concedida a licenza polo Colexio Farmacéutico Provincial (e confirmada polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España), ao cumprir os requisitos de ratio poboacional e distancia das outras farmacias, situadas no núcleo urbano de Serra de Outes, a 4 quilómetros. Pero xa nese momento empezaron os problemas: dous farmacéuticos da vila non estaban conformes e presentaban un recurso xudicial. O Colexio Farmacéutico obrigaba a Pascual Rosón a abrir a farmacia, ou perdería a súa licenza. A súa intención era instalarse en Ponte Nafonso, pero un novo recurso dos dous farmacéuticos outenses obrígao a facelo en Ceilán. 

En 2005, coincidindo co nacemento dos seus fillos xemelgos, Pascual e os seus opoñentes acoden aos tribunais. A sentenza ditamina que non cumpre un dos requisitos: hai menos de 2.000 habitantes. O propio xuíz entende que a dispersión rural é propia de Galicia, pero obriga ao peche por non acadar a ratio poboacional. A apelación ao Tribunal Supremo non foi admitida. Aínda así o Tribunal Superior de Galicia admite a inexecución da sentenza, por atoparse xa o local no mapa farmacéutico galego, e propoñen que a Xunta de Galicia saque a concurso público a explotación da farmacia. Os outros dous boticarios volven solicitar a execución da sentenza; o mesmo Tribunal Superior de Galicia falla a favor deles, pero invitaba á Consellería de Sanidade a promover a inexecución da sentenza en defensa do interese público da oficina da farmacia.

Hai menos dun ano presentouse unha segunda solicitude de inexecución de sentenza, esta vez ofrecéndolles 30.000 euros a cada un dos outros dous contendentes (isto é, unha execución substitutiva por diñeiro), pero estes néganse. De nada vale que Pascual lles diga que verán incrementadas as gardas mais non os clientes. A xuíza recibe un comunicado da Xunta de Galicia: en Outes sobran farmacias. Ante a negativa ao acordo económico ordénase o peche. A data límite sería o 27 de decembro.

Mobilización veciñal

Cando isto se fai público a Asociación de Veciños de Ponte Nafonso, lugar contiguo a Ceilán, mobilízase e comeza a pedir sinaturas. Reúnense co alcalde para que medie no asunto. Pero a denuncia non se retira. A Asociación de Veciños de Cuns únese á de Ponte Nafonso en busca de solución, e reciben a adhesión das do Freixo e San Ourente.

Pascual Rosón López agradece o apoio recibido dos que foron os seus clientes durante estes oito anos, así como dos demais farmacéuticos da zona. Desexa que polo menos os veciños consigan que a botica saia a concurso público e non perdan así o seu servizo. E lamenta que esvaeza o soño que tivo desde neno. Se nada o remedia, terá que enfrontarse máis indefenso ás súas débedas hipotecarias e, igual que a súa empregada, buscar un novo traballo para poder criar os seus dous fillos pequenos.

Peche o 23 de novembro logo de ameaza de multa

Na tarde do día 22 de novembro os veciños (que non entenden as razóns desta suposta ilegalidade) reuníronse para organizar futuras mobilizacións, pero ese mesmo día un burofax ordena o peche inmediato baixo ameaza de multa. O 23 a farmacia de Ceilán pecha as súas portas. Xusto o día no que se entregan na Consellería de Sanidade, quizais xa tarde, as 3.000 sinaturas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical