15.11.12

Ribeira: o 2 de decembro, sétima xuntanza dos maiores na Fieiteira

  • As entradas poranse á venta no Consistorio o vindeiro luns
  • Haberá autobuses de ida e volta entre a cidade e o polideportivo municipal


Ribeira, 15 de novembro de 2012.- Xa hai data e lugar decididos para a celebración da sétima edición da Xuntanza dos Maiores: será o domingo día 2 de decembro e desenvolverase no pavillón polideportivo da Fieiteira.

Así o deu a coñecer este mediodía o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social do Concello, Vicente Mariño de Bricio, no transcurso dun acto de presentación do evento no que estivo acompañado dos presidentes das asociacións de xubilados e pensionistas de Ribeira (Manuela Romero), Aguiño (Manuel Pérez), Palmeira (Andrés Rego) e Corrubedo (Manuela Domínguez; tamén estivo a secretaria da entidade Josefa Martínez).

O edil do Concello explicou que un dos argumentos que se tiveron en conta á hora de decidir o emprazamento da Xuntanza foi que co uso desta instalación municipal afórranse en custes de organización, principalmente derivados do alugamento de carpas. Para facilitar a asistencia, fretaranse autobuses tanto para a ida como o regreso á cidade.

Os actos conmemorativos da xuntanza darán comezo ás 12.30 horas cunha Misa Solemne na Igrexa de Santa Uxía, con participación da Coral Polifónica Municipal. Ás 14 horas partirán autobuses dende a estación da cidade con destino ao polideportivo. Ás 16.30 horas terán lugar sorteos entre os asistentes. E a partir das 17 horas arrancará o tradicional baile. En torno ás 19.30 horas aproximadamente haberá autobuses para regresar de volta á cidade.

Os maiores poderán retirar as entradas na planta baixa da Casa Consistorial a partir do vindeiro luns día 19. O prezo son 16 euros. Como requisito para poder mercalas cómpre ser maior de 60 anos (ou de 55 no caso dos traballadores do mar) e estar censado en Riveira, podendo comprar un máximo de dúas entradas por persoa.

Mariño indicou que o aforo do recinto son 1.400 persoas. No suposto de que o venres día 30 houbese prazas dispoñibles, abrirase a posibilidade de que ese día maiores doutros concellos poidan participar na Xuntanza.

230 en estimulación cognitiva

No mesmo acto, o edil Vicente Mariño informou de que un total de 230 maiores inscribíronse para participar nos obradoiros de estimulación cognitiva (comunmente chamados talleres de memoria) que, a partires da vindeira semana e ata o próximo mes de maio, desenvolveranse en distintas parroquias do territorio: Palmeira, Riveira, Corrubedo, Aguiño, Castiñeiras e Artes.

O responsable municipal dos Servizos Sociais recordou que esta é  unha das actividades máis demandadas polo colectivo de maiores do municipio. Con esta actividade, a súa Concellería persegue crear un clima de maior mobilidade e acción, aumentar a autoestima e facer dos participantes parte activa da sociedade.

Os talleres constarán de 28 sesións por parroquia, cada unha das cales terá noventa minutos de duración.

Unha monitora licenciada en Psicoloxía responsabilizarase do desenvolvemento dos cursos. Cada un terá entre quince e vinte participantes.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical