20.12.12

Lingua galega: Ribeira tamén se suma coa súa hostalería a promover o galego

  • "Pousa, Pousa" é o nome da campaña que levará pousavasos aos locais do municipio dende este sábado

 

Ribeira, 20 de decembro de 2012.- O Consistorio foi escenario da presentación no municipio da innovadora campaña de dinamización lingüística ‘Pousa, Pousa’: unha acción organizada pola Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Barbanza en colaboración coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e o Concello de Ribeira que busca promover o uso do galego servíndose dos establecementos hostaleiros como lugar de difusión da nosa lingua, ao serlles subministrados uns pousavasos que conteñen debuxos e mensaxes alusivos a esta intención.

Para falar desta campaña estiveron presentes os concelleiros de Educación e de Comercio e Turismo do Concello, Mª Carmen Vizcaya e Anxo Orellán; Ramona Bello, en representación da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística; Víctor Casais, como presidente da Asociación de Hostaleiros de Riveira; e o pequeno Manuel Ramos, alumno de 8 anos do CEIP O Grupo, que foi un dos gañadores do certame convocado para todos os centros educativos da comarca que determinou os emblemas conmemorativos contidos no pousavasos (os outros seleccionados foron escolares do IES Félix Muriel e do CEIP de Aguiño).

Mª Carmen Vizcaya e Anxo Orellán quixeron salientar a idoneidade desta iniciativa para difundir o galego na sociedade, unha idea na que afondou Ramona Bello, quen fixo fincapé na necesidade de aprenderlles aos nenos e nenas dende a comunidade educativa o emprego das dúas linguas. Pola súa parte, Víctor Casais agradeceu esta proposta no nome do sector hostaleiro e desexou a súa continuidade.

Xa comezou o reparto de pousavasos coa idea de que este próximo sábado día 22 de xaneiro, ao mediodía, poidan lucir nos locais do municipio. Non obstante, os hostaleiros que o desexen poden achegarse ata o rexistro do Concello para recoller un lote. Poden facelo ata este venres.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical